Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.335 posts
31 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ANA MARÍA GÓMEZ. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


ANA MARÍA GÓMEZ

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Sinatura de Maruxa Mallo, obtida de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/3/32/Firma_Maruxa_Mallo.jpg

Algún de vostedes coñece a esta muller viveirense? Se cadra, así, en principio, non, mais se lles digo que Maruja Mallo era o seu nome artístico, o misterio fica resolto ipso facto. É unha muller pola que eu sinto verdadeira fascinación. Pintora surrealista e vangardista nun mundo de homes, republicana, exiliada pola ditadura, transgresora, moderna, independente, pertencente ao grupo das chamadas despectivamente “sin sombrero”, combativa, emancipada, librepensadora, valente, musa da idade de prata da xeración do 27 e, despois do seu discreto retorno na década de 1960, reivindicada como icona polo movemento contracultural da Transición e da Movida madrileña na de 1980.

Miúda de corpo e cunha estética do máis rechamante (tanto polas cores das súas vestimentas como da súa maquillaxe), fixo unha perruca con algas na compaña de Neruda nunha praia chilena e en Madrid entrou nunha igrexa en bicicleta. Foi compañeira da Santísima Trindade das Artes (Lorca, Buñuel e Dalí) e de Gómez de la Serna nos seus anos madrileños antes da guerra civil; coñeceu a André Breton (un dos fundadores do surrealismo) na súa estadía en París, como escenógrafa traballou con Alberti e Miguel Hernández e, moito tempo despois, mesmo compartiría vivencias co extravagante Andy Warhol, o representante por antonomasia e excelencia do Pop Art.

A escritora, investigadora, crítica literaria e catedrática veigueña Ana Rodríguez Fisher publicou en abril a biografía novelada da mariñá (“Notre Dame de la Alegría”), á que chegou cando realizou, hai xa anos, a súa tese de doutoramento sobre a novelista Rosa Chacel, coetánea e amiga de Maruja Mallo. A saída do prelo da devandita obra coincidiu asemade coa inauguración de dúas exposicións monográficas sobre a pintora: unha en Santander na fundación Botín e outra no museo Reina Sofía de Madrid.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *