Ruído
Un incendio que amosa unha fronte cunha potencia de 10000 W por cada metro é incontrolable. Hoxe instálanse palcos de orquestras cunha potencia de son que se lle vai achegando.
Hai veces que as palabras determinan, ou ao menos inducen a pensar non só nos obxectos ou as accións que designan, senón tamén na forma de tratalos, ou en como posicionarse ante eles. Veño observando que sucede iso mesmo co ruído. É como se, ó tratar o ruído, houbera que berrar máis cos outros para facerse escoitar, para facerse facer caso, ou polo contrario, ante a imposibilidade, calar e meter a cabeza baixo terra como o avestruz. E si, hai xente que se asusta e sinxelamente non trata do ruído aínda que lle impida durmir ou lle desfaga os nervios. E non, non habería por que berrar para facerse entender, nin deixar de falar por sentirse cohibido para berrar. Entendo que se tente pasar por riba do ruído para propagar a loita sobre o ruído, facer o ruído necesario para que haxa máis xente que saiba do ruído, para que xente saia da idea de que o ruído é só unha sensación súa, ou en todo caso, minoritaria, que non lle hai que facer, porque non se fala del, cando non é así. Mais non, trátase de chegar a máis persoas e comprender que nos afecta a todos, non de facer máis ruído. A xente sofre polo ruído, aínda que polo que sexa poida escabulirse del. E aínda que, en determinados momentos, lle poda gustar o boureo ou a música con moitos decibelios de apoio.
O ruído existe, e hai que falalo como sociedade que somos. Porque tamén, xunto co xa dito, hai unha tendencia por parte de quen fai ruído, ou cre beneficiarse de xeito directo del ou tenta botar balóns fóra por diversas causas, a achacalo a momentos moi concretos para minimizar o tempo de sufrimento, como se iso o diminuíra efectivamente, ou atribuílo a actividades que dalgún xeito cadran lonxe, tendendo a minimizar o impacto. Exemplos poden ser dicir que hai ruído ‘un pouco de tempo durante as festas’ cando noite tras noite se está a sufrir, ou ‘o ruído do tráfico é o máis impactante’, tentando facer pasar esa variedade acústica como fonte primaria nun pobo con limitación de velocidade en todo o seu perímetro, en troques do boureo continuo de xente sumándose de día e horas de noite á musica duns e os berros doutros. Trataríase así de diluír a culpabilidade ó tempo que minimizar o impacto: quizáis por iso tamén o movemento en contra, tentar facer máis ruído para amosalo tal como é.
O ruído esta aí, e todos podemos sufrilo. Hai quen di, pensa que quizais seria mellor que non estivera, pero estase a aproveitar e entón tenta cancelar ambas cousas negando a súa existencia. Si, hai xente que nega as cousas que non lle veñen ben ou que non lle afectan de xeito directo. Tamén no caso do ruído: facer que non se fale, que non apareza. Mesmo que non haxa un criterio sobre o ruído, ou unha normativa, como se o ruído e os seus efectos se puideran borrar sen mais. Mais esta aí. Por suposto, sempre hai xente que sofre máis que outra, e menos; hai ouvidos máis tolerantes e menos tolerantes, hai xente que sinxelamente está preto de fontes de ruído e xente que está a meirande parte do tempo en lugares que non se ven afectados en absoluto: hai moitos casos diferentes, pero o ruído esta aí. E como pode nos afectar a todos, mesmo hai que tratalo en comunidade.
Non se trata de prohibir o ruído porque si, senón de que moleste o menos posible. O menos posible, non nada, porque o ruído tamén existe, e somos conscientes moitas veces de que e difícil desfacerse del.