HABEMUS MUSEUM
Aínda que semelle incríbel, Ferrol (Ferroliño, como o chaman agarimosamente os seus habitantes) non posúe un museo de seu. É a única cidade galega con esta eiva. A partir de agora, unha asociación creada “ad hoc” (presidida por Nona Inés Vilariño, colaboradora de Adolfo Suárez durante a Transición, deputada nas cortes constituíntes despois da ditadura e testemuña do intento de golpe de estado o 23F de 1981) e diferentes administracións e institucións intentarán rematar con esta anomalía histórica.

A súa sé estará no antigo Hospital da Caridade, un edificio do século XVIII (tan importante na Ilustración ferrolá) que actualmente alberga tamén o Centro Torrente Ballester, o novelista ferrolán (da parroquia de Esteiro) de máis sona internacional.
O futuro museo contará con obras pictóricas de Sotomayor e Pérez Villaamil e o acto de presentación do proxecto tivo lugar no hotel Almirante, por cuxo café pasaron persoeiros como Saramago, Cela, Ana María Matute, Cunqueiro, Carlos Casares, Alberti, Dámaso Alonso ou o propio Torrente, afeccionado tamén nos seus anos de profesor universitario en Salamanca ao histórico café Novelty, situado baixo os arcos da súa plateresca Praza Maior e que tanto frecuentou Unamuno na súa época de reitor.
Esta iniciativa altruista vai dirixida a toda a cidadanía, á que se lle pide colaboración para que doen ou depositen todos aqueles obxectos ou documentos antigos que o poidan encher de contido. Unha sección especial estará adicada ás lavandeiras de Sillobre (en Fene), esas que durante décadas cruzaron a ría máis fortificada (xeolóxica e militarmente) da península e onde, para o escritor italiano Antonio Tabucchi, comezaba xeograficamente Europa, coa finalidade de lles levar ás clases acomodadas da cidade a súa roupa branca posta a remollo no río Saa e ao clarexo nas abas do monte Marraxón.