Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.241 posts
27 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha nota sobre o centro de saúde


A plataforma en defensa das árbores de Ribadeo vai comezar unha campaña de difusión e concienciación sobre o pretendido emprazamento do previsto como novo centro de saúde. Por iso van difundirse 1000 exemplares co texto seguinte:

¿SABIA VOSTEDE QUE A XUNTA DE GALICIA E MAIS O CONCELLO DE RIBADEO TEÑEN O PROXECTO DE PECHAR O CENTRO DE SAÚDE ACTUAL E CONSTRUÍR OUTRO NOVO EN FRONTE DA ESTACIÓN DE SERVIZO A UN KM DO CENTRO DA VILA?

Se nunca ouviu falar deste tema seguramente lle soará un pouco raro ou pensará que é outro de tantos bulos políticos que se escoitan todos os días. Pero nada de eso. O Concello de Ribadeo xa está facendo os trámites para adquirir os terreos e se ninguén o para o Centro de Saúde acabará fronte da Estación de Servizo de Repsol. Ou sexa, a un quilómetro do actual no centro do casco urbano.

Dende o noso ponto de vista o problema sanitario mais acuciante que existe en Ribadeo como en toda Galicia, é a falta de persoal, sobre todo de médicos e enfermeiras. Iso trae consigo as insoportables listas de agarda que deterioran o sistema sanitario público e levan a moita xente que pode ao sector privado. Este problema non se soluciona cambiando de edificio e moito menos levándoo a un km do actual. O edificio de actual centro de saúde ten mais de 40 anos pero está en boas condicións, ten amplitude e con unha pequena reforma pode ser mais cómodo para sanitari@s e usuari@s.

Nosoutros temos comprobado que mais de 75 % dos usuarios acoden camiñando e só un 24 % acoden en automóbil. Tamén temos comprobado que un 73 % son persoas maiores de 65 anos. Asemade tamén sabemos que en días de diario acoden ao centro entre 650 e 700 persoas. E tamén contamos os coches que pasan por diante da Estación de Servizo en distintas horas da mañá en diferentes meses do ano (sen considerar o verán, que esa é outra) e temos que circulan entre 14 e 17 coches por minuto (un coche cada catro segundos), como é sabido nunha zona de curva e con deficiente visibilidade, moitas veces en longas caravanas.

Os inconvenientes de este proxecto superan amplamente ás posibles vantaxes, e a elo hai que engadir o que supón a deslocalización dun servizo fundamental, que racha co principio de accesibilidade da Atención Primaria, que as urxencias terán que facer un longo percorrido antes de chegar ao centro, que o aumento do tráfico rodado innecesario é radicalmente contrario ás políticas para mitigar o cambio climático e que o concepto de cidade humanizada con servizos no radio de 15 minutos non foi tido en conta polos planificadores que so miraron os intereses urbanísticos.

En consecuencia, un grupo de ribadenses rexeitamos este proxecto, pedimos ao Concello e á Xunta de Galicia que se mellore o actual centro e que se dote do persoal necesario. Pero sobre todo queremos informar @s veciñ@s do que se está preparando, e que teñan en conta que dentro de pouco tempo van ter que ir ao médico, por análises, receitas, consultas ou outros servizos a un km de distancia por uns percorridos cheos de atrancos, rotondas, beirarúas en mal estado ou ben en coche particular ou en taxi.

O noso grupo seguirá informando e tratando de convencer ao concello e á Xunta do seu erro pero para eso é necesario que a xente se informe e se mobilice.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

Ribadeo, 16 de Xuño de 2025

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *