Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.237 posts
27 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ESPAZO DE CINE. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


O Cine Avenida, a finais dos anos 50 do século XX. Imaxe tomada de Pinterest, subida por Carmela Barral

ESPAZO DE CINE

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O histórico edificio en cuxo baixo estaba o emblemático cinema Avenida (situado nos Cantóns coruñeses) reabriu o pasado mes de marzo despois dunha longa tempada de reformas. Eu xa case non o lembro aberto como sala de proxeccións, mais o que si lembro é o seu progresivo deterioro, mentres estivo fechado, co inevitábel paso dos anos. Antes de ser cinema desde a década de 1930 (obra do arquitecto Rafael González Villar) fora o teatro modernista Linares Rivas (deseñado por Leoncio Bescansa) e agora terá un novo uso como espazo corporativo da entidade Abanca.

Próximo á sé do xa desaparecido Banco Pastor (no seu día o rañaceos máis alto de España) marcou o comezo dun novo “skyline” nesa céntrica zona da arañeira urbana, completado décadas máis tarde cos edificios museísticos da fundación Barrié (imitando as galerías dunha tradicional e pacega edificación galega) e de Afundación, construción con fachada metálica e acristalada ademais de cun ascensor panorámico (desde o que se albiscan os xardíns de Méndez Núñez e parte do porto), acentuando así o carácter cosmopolita, novidoso, transgresor e vangardista que sempre caracterizou a cidade.

No seu momento, o paso dos espectáculos teatrais ao visionado de filmes no cinema non soamente provocou unha revolución nos usos de lecer dos veciños, mais tamén unha mudanza nos seus costumes de consumo. Arredor do novo invento (primeiro mudo e en branco e negro, logo sonoro e a cor) comezaron a proliferar outra serie de negocios de venda cara ao público que se beneficiaban da proximidade da sala para dar saída aos seus variados produtos. Hoxe as circunstancias son outras porque esa zona está adicada case exclusivamente a oficinas bancarias, perdendo así o seu carácter nidiamente comercial que, porén, segue mantendo desde hai séculos a veciña rúa Real.

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *