Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O salto dos chinos


Unha noticia atribúe este ano un maior número de matriculacións nas PAU á materia de Matemáticas para as Ciencias Sociais que a Matematicas II, materia troncal na vía de ciencias ou tecnoloxías no bacharelato. Non é unha ‘boa noticia’ nin ‘mala’. Sinxelamente, é ‘unha noticia’, unha información de que algo estaría a cambiar nas tendencias de elección cara ó futuro. Coido que nin está relacionada cun maior interese pola ciencia nin cun maior aprecio ou valoración da mesma.

Tamén hai uns días que por outra razón ben diferente, veu á miña cabeza o ‘salto dos chinos’. Resulta que hai 40 ou 50 anos, cando a China era con diferenza a nación máis poboada do mundo, e seguía a medrar a un ritmo superior a calquera outra, tivo certa difusión unha pregunta: que pasaría se todos os chinos se puxeran a saltar ó tempo? Xa adiantei noutro artigo que a resposta sería ‘nada’. Fiando un pouco máis fino, os chinos que saltasen sobre unha estrutura algo débil, podían facer que tremera ou mesmo afundira, pero os menos de mil millóns de chinos daquela, repartidos nunha superficie de algo menos de 10 millóns de km2 , aínda que desen un gran salto de un metro de alto e consideraramos que de media tiñan uns moi abundantes 100 kg, empregarían unha enerxía que, distribuída pola súa superficie, non chegaría a producir un movemento de terra que puidéramos sentir. Outra cousa sería que lográramos concentralos nun punto. Digamos, nunha cancha de fútbol sala. Entón, o efecto podería sobrepasar un terremoto de magnitude 4 na escala Richter. En canto a ter unha influencia planetaria, sacar a Terra da súa órbita -algo que cheguei a escoitar-, totalmente descartado: o movemento da Terra en conxunto non superaría a centésima parte do diámetro dun átomo. Todo o dito neste parágrafo non é difícil de demostrar con matemáticas elementais e un par de ideas de física.

Mais o ‘salto dos chinos’ coido ten hoxe unha implicación profunda para a nosa sociedade con outro sentido totalmente diferente. Así, polo momento, a China é o único país que aparentemente lle está a discutir de xeito firme as medidas unilaterais ós EEUU de Trump, o mesmo que o liderado mundial. Algo normal despois de medrar economicamente (digamos en ‘contas empresariais’) durante ao menos tres decenios a taxas próximas ó 10 % anual (equivalente a dicir que en 25 anos multiplica por 10 o tamaño da súa economía) mentres que os EEUU o facía arredor do 2 ou 3 % anual (equivalente a dicir que no mesmo tempo, 25 anos, non chega a multiplicar por dous a súa economía). Normal e relacionado co desenvolvemento non só do comercio mundial, senón da súa tecnoloxía e a súa ciencia: hai asemade tempo que a competencia en materia de matemáticas dos seus estudantes logra situarse entre as primeiras do mundo, e con elas, vai avanzando a competencia científica e tecnolóxica dun país que ten 1/5 da poboación mundial. Lémbrome diso nun tempo no que os EEUU, despois de ter rebaixado a calidade do seu sistema educativo, está a loitar para desprenderse dos mellores talentos científicos aproveitando trabas diversas, e tamén un tempo no que a China ano tras ano forma máis enxeñeiros que o resto do mundo xunto.

Non sei se en Pequín na selectividade existen materias equivalentes ás nosas Matemáticas II e Matemáticas para as CCSS; supoño que algo haberá. Pero a excelencia dos resultados alí en relación á matemática en xeral fai indiferente o valor da resposta, sen terremotos e sen que a Terra se saia da súa órbita.

Reaccións do Fediverso

2 respostas a “O salto dos chinos”

  1. Góstame ver como falan os que saben matemática e a consideran algo normal nas súas vidas.

    Eu lamentablemente son dos que preciso de calculadora para sumar 2+16 porque sempre penso que o que poda levar no bolsillo non debo de metelo na cabeza…

    Pero así vou quedando sen capacidade algunha de cálculo e de paso non podo explicar algo que leva 7 anos volvéndome tolo: o índice de inflación.

    Dí o Goberno que estamos no 1,9% de Inflación, e como non sei nada de nada de matemáticas, cando vou ao mercado vexo que os cartos perderon así por riba un 35% do seu valor.

    Entón que carallo quere dicir que só temos un 1,9% de inflación, se non podemos mercar nin froita nin verdura nin peixe nin carne…

    Precisaría da túa axuda matemática para falar de vagar diso que algúns chaman Inflación e outros pensamos que é unha pura mentira estatística que non dá de comer á xente do común.

    Saúde e Boa Fortuna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *