Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha xuntanza no Porto


Unha xuntanza no Porto

Momento dunha actividade

A semana pasada tiven a oportunidade de asistir a unha xuntanza no Porto. Organizada por Wikimedia Portugal e apoiada por Wikimedia España, tiña por fin debater sobre as linguas minoritarias no contexto Wikimedia. Isto é, da Wikipedia e a constelación doutras wikis co mesmo espírito.

Imos por partes. Aparecín alí de casualidade, contactado por WME por ser socio e relacionado coa Galipedia, o nome amigable da versión en galego da mundialmente estendida Wikipedia. E alédome -de aí esta comunicación- de ter aceptado a invitación e asistido, non só por volver ó agradable Porto e coñecer a descoñecida Miranda do Douro, senón polo que aprendín e sobre todo pola xente, a máis dalgunha contribución que puiden aportar. Galipedia, Galizionario, Gali-libros/fontes/citas… tiñan que formar (e conformaron) parte da xuntanza.

Facer unha descrición, aínda por riba, é longo, e ó mellor non é o máis conveniente para comprender o encontro. Queda aquí unha mestura, máis de impresións e sentimentos que de descrición.

O primeiro, a convocatoria tiña o título en inglés: “Wikimedia minority languages meeting”, e páxinas informativas en inglés, portugués e castelán (de chino había a ligazón, pero non chegou a estar operativo). Mais, de todas as actividades previstas, sobrepasando a vintena, só catro se desenvolveron en inglés, a maioría en portugués e do resto, o galego foi a lingua máis usada, con algunha aparición do mirandés, estremeñp ou asturiano. Apunto isto porque aínda que o título estaba en inglés, dirixíase ás linguas minoritarias, e non só houbo unha mesa redonda e unha presentación múltiple en varias linguas, senón que nesa mesa redonda tratábase da minorización lingüística, nos coloquios formais ou informais só se usaba o inglés con algunhas persoas asistentes non familiarizadas coas linguas ibéricas e había representantes das wikipedias en galego, asturiano, euskera, mirandês, estremeñu e portugués, a máis de occitano, alemán e dagbani, aínda que non de catalán ou aragonés.

O segundo, constatouse que esas linguas minoritarias estaban en posicións moi, moi diferentes polo seu desenvolvemento, número de falantes, apoio institucional ou evolución actual. Así, o mirandês foi recoñecido oficialmente en Portugal a finais do século pasado, e a pesar dunha evolución favorable, non acada nin de lonxe os dez mil falantes, mentres do estremeñu aínda se descoñece ese dato, o número de usuarios, que foi estimado nuns 200 000 no ano 94. A evolución do galego ou o euskera é máis coñecida, pero non por iso necesariamente máis recoñecida. En relación á fala (sen Wikipedia) ou ó aranés (dependente da Wikipedia en occitano), non se fixo máis que citalos.

Terceiro, hoxe en día hai unha morea de ferramentas, en particular algunhas das presentadas na xuntanza e con orixe na fundación Wikimedia, que tentan axudar a igualar as oportunidades lingüísticas, sexa no uso, na normativización ou na lexicoloxía. Mais, como na biblia, ‘moitos son os chamados e poucos os elixidos’: na maioría das linguas minoritarias non hai xente abondo para levar a tarefa a cabo, con ou sen ferramentas.

As linguas e as wikipedias foron a materia tratada no Porto e en Miranda. Os obxectivos, que incluían xuntar ás comunidades lingüísticas minoritarias para compartir, apoiar reflexión, desenvolvemento de recursos e accións concretas e crear unha rede de comunicación e cooperación, falta para dalos por conseguidos, mais púxose un chanzo máis no camiño -ou varios-. Continuarase no camiño.

Arquivo municipal en Miranda do Douro, un dos lugares do encontro
Reaccións do Fediverso
,

2 respostas a “Unha xuntanza no Porto”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *