Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ACCESORIOS GALEGOS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


ACCESORIOS GALEGOS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Nada galego é accesorio e todo o galego debería ser máis accesíbel. Esa é, a grandes trazos, a filosofía persoal, empresarial e artística da arousá Ana Miguéns, creadora duns complementos ben orixinais inspirados en diferentes manifestacións da cultura galega tradicional. As súas pezas xa foron lucidas por varias actrices nas galas de entrega dos premios Feroz ou Mestre Mateo, por exemplo.

Formouse en interiorismo na escola de arte superior e deseño de Santiago e traballou varios anos nun estudio de decoración de interiores en Vilagarcía, onde comezou a deseñar pola súa conta no seu tempo libre para agasallar a familiares e amigos, sen finalidade comercial. En 2009 descubriu a arxila (material co que traballa desde aquela) e dous anos despois arriscou para adicarse á fabricación de xeito profesional. Primeiro foi no seu Instagram e despois fornecendo unha tenda de Santiago situada na rúa do Vilar. Agora ten xa unha páxina web propia para a venda on line e os seus deseños están en establecementos da súa Vilagarcía natal, de Pontevedra, Tui, O Carballiño, Oleiros e tamén en Ribadeo.

Os seus deseños abranguen varias series adicadas ao entroido e aos Maios ourensáns, ao magosto, ao Samaín, a Santo André de Teixido, ás dúas Marías compostelás, ao marisco (xa comezan a ser marca da casa os seus mexillóns e as súas navallas), a case todos os produtos da horta e á estética pictórica de Luís Seoane ou Castelao. Este ano, todos eles desfilarán na mostra do encaixe de Camariñas.

Sargadelos baixando do Concello (César Lombeira)

Eu suxelliríalle humildemente (e só con ánimo de construír, nunca de criticar) desde estas páxinas sempre amigas que, xa que este ano finaron o deseñador mindoniense Xosé Vizoso e o escultor de Catoira César Lombera, introducira nos seus accesorios a estética de ambos os dous, o mariñán vencellado á do Sargadelos de Díaz Pardo e o catoirés non soamente como creador da escultura das Marías na alameda de Compostela, mais tamén como autor da de Alfredo Brañas sedente ao pé da súa casa natal (hoxe taberna O mexillón) en Carballo de Bergantiños (vila á que eu tanto estimo) e da de Raimundo Ibáñez na escalinata do seu antigo pazo, actual casa do concello do meu Ribadeo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *