Un par de chiringuitos
Vexo hoxe (12 de abril) nun titular dun xornal que o Concello de Ribadeo oponse a autorizar dous chiringuitos para o verán. Refírese a unha nova que tratei en Ribadeando os días 13 e 14 de febreiro, a publicación no BOE de dous anuncios do Servizo Provincial de Costas de Lugo sobre a información pública para a autorización de dous chiringuitos, un na praia das Catedrais e outro no parque do Cargadoiro.
Preguntábame daquela se non había un plan para a zona das catedrais que tiña algo que dicir sobre iso. Un plan que, a máis do que implique, foi redactado porque afecta a unha zona protexida. Volvín referirme ó tema por escrito cun artigo que titulei ‘Contradición’ e no que expoñía a contradición que (ao menos para min) supón a expropiación anunciada de 25 parcelas no ‘entorno catedralicio’ co fin de desenvolver a protección do lugar ó tempo que estaba pendente o da autorización chiringuiteira. Unha contradición que se perde no mundo burocrático de administracións diferentes.
Volvendo a nova da ‘oposición’ municipal, polo interior da noticia especifícase que “el Ayuntamiento ha informado desfavorablemente la solicitud”, e cita como causa que “vulnera la ordenanza que prohíbe la venta ambulante en el municipio”. Vulnerará, aínda que estimo que os chiringuitos teñen menos de venta ambulante que os postos do mercado semanal. Se ese é o motivo principal do informe, non lle daría moito recorrido, aínda que non saiba se a súa emisión ten algún tipo de vinculación coa decisión final do permiso (supoño que vinculación como para impoñer unha decisión negativa non ten). En troques, e a falta de saber de “outras cuestións” das que fala a noticia, queda a preocupación de que non se menciona a protección dos espazos que están legalmente protexidos, que coido que sería unha lembranza importante e decisiva, nin tampouco a existencia do Plan das Catedrais ou dun posible impacto negativo -ao menos en canto a imaxe- no turismo.
Así, paréceme ben que non haxa chiringuitos nas Catedrais nin no Cargadoiro, pero as razóns esgrimidas fan que pense que o titular da noticia non debera ser tanto a oposición do concello como a ‘abstención’ dunha oposición real manifestada a través dun informe. Algo así como un ‘non nos parece moi ben, pero vós veredes’ que no seu momento se poda continuar cun “é un desastre, pero non é culpa nosa” ou un “aínda que non cumpría, non nos opuxemos rotundamente porque vimos que era unha oportunidade”.
Mentres, segundo a noticia, na zona de os Bloques o informe correspondente a outro posto é positivo, lembrando nel sinxelamente que xa houbo un hai tempo. Non se aclara se daquela estaba ou non en vigor a normativa sobre venta ambulante.