
INFIEIS ON LINE
Coas redes sociais, as infidelidades teñen unha morea de posibilidades máis, sen necesidade, tan sequera, de contacto carnal. Mesmo o concepto de infidelidade mudou. Implica ver pornografía, facer as beiras en Instagram, seguir a alguén nalgunha app, enviar fotos, audios ou vídeos suxestivos ou darlle a quen os poña un “like”? Intercambiar arquivos de alta voltaxe sexual? Ver é pecado, é unha traizón, unha deslealdade? Velaí o debate que, por certo, vén de ben antigo. Xa nas cantigas galego-portuguesas medievais existía o “amor de lonxe”, ese amor platónico (por nunca correspondido) que mesmo se excitaba aínda máis canto máis afastada estivese a persoa desexada.
O dixital substitúe o físico, mais non o afectivo ou emocional. Nas redes créanse vencellos anímicos, ás veces máis fortes (por idealizados e fantaseados) que os puramente reais. Son máis sutís, poden pasar máis desapercibidos e ser máis difíciles de detectar, mais velaí están, tan intensos como os da era predixital. A este paso será posíbel, nun futuro xa próximo, podermos namorar dun androide con intelixencia artificial?
Moitas son as definicións que se usaron para caracterizar o ser humano. Moitas delas eran excluíntes entre si. Eu coido que nós, como especie, somos unha suma non contraditoria de todas, é dicir, animais mamíferos con conciencia da súa existencia e da súa finitude (polo tanto trascendentes), racionais, “espirituais”, emocionais, paixoais e sentimentais. Sen unha destas facetas, ficaríamos totalmente incompletos.
Se os sentidos enganan, as redes máis. Un pode inventarse unha biografía, modificar as súas fotografías, aparentar o que non é e vender unha imaxe edulcorada do que é. Por iso, ás veces, recoñecer ante a parella estes devaneos on line pode mesmo fortalecer a relación ao interpretarse como unha mostra de coraxe, sinceridade e arrepentimento.