Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

NON SON SÓ UN XOGO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


NON SON SÓ UN XOGO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Os xoguetes son moito máis ca iso, tanto para produtores, deseñadores, exportadores, importadores, transportistas e vendedores como para crianzas e proxenitores. Polo visto, segundo unha recente enquisa, só o 10% das familias teñen na súa casa xoguetes inclusivos. Na meirande parte dos casos, os que hai aínda seguen a reproducir roles sexistas e estereotipos de xénero e étnicos. De todos eles, adoitan ser os peluxes e os empregados de cero a tres anos os menos marcados, aínda tendo en conta que a publicidade televisiva e en redes sociais acentúa o seu carácter estereotipado.

Algúns expertos pregúntanse retoricamente se alguén estaría disposto, por exemplo, a agasallar a un neno ou a unha nena cun boneco (por non dicir xa cunha boneca) que tivese síndrome de Down. A resposta, con certeza, non sería unánime.

Outro exemplo rechamante é o do Nenuco de Famosa, bastante diverso e incluínte para o que domina neste tipo de produtos. Tamén as Barbies van incorporando modelos máis inclusivos, como a invidente. Aínda así, hai ducias de raza branca e só unha negra. Por certo: algunha boneca gorda desta marca? Certo é que xa comeza a haber exemplares en cadeira de rodas, con próteses, audífonos ou sen cabelos, mais son abondos todos estes desinteresados (ou non tanto) intentos? Porque o marketing e o politicamente correcto tamén surten, mesmo máis do que se cre, o seu efecto.

Os xoguetes non soamente deben favorecer a inclusión, mais tamén o seu uso e goce por parte de meniños con algunha discapacidade física ou intelectual. Este sería o caso de produtos xa existentes como pelotas con son ou barallas en Braille, por exemplo, e que, ademais de teren un prezo razoábel e axeitado, deben ser versátiles para poder ser utilizados polo maior número posíbel de potenciais e diversos usuarios.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *