“QUEERER SER”
O adxectivo “queer” (na súa orixe raro en inglés) eslúe e difumina os lindeiros entre o sexo e o xénero, entre o biolóxico e o cultural, con toda a polémica que arestora está a xerar, mesmo dentro do colectivo LGTBIQ+, onde as posturas non só son unánimes mais, mesmo ás veces, antagónicas. O movemento ten tamén moito de ideolóxico e económico, situándose no espectro do anticapitalismo, se é que aínda se pode seguir a ser outra cousa que non sexa capitalista en maior ou menor medida.
Outros, como Lozano Gil, cren que “é a enésima táctica do neoliberalismo para encapsular unha disidencia, limitala e manufacturala baleirándoa do seu potencial subversivo e transformándoa nun espazo de mercado máis, como xa sucedeu coas identidades gai, lésbica e trans”. Un bo exemplo disto sería o recente e orixinalísimo filme “Emilia Pérez” de Jacques Audiard tan premiado no festival de Cannes.
O queer rexeita todo tipo de binarismo e cre nunha sexualidade máis inclasificábel e fluída en contraposición co “neomachirulismo” (que tanto abonda na “fachosfera” das redes sociais remexéndose contra o politicamente correcto) e contra o que considera “feminismo conservador anti Trans” como se puido ver, por exemplo, no último congreso federal do PSOE en Sevilla (por poñer en entredito as esencias biolóxicas do feminino), o cal mediante o hashtag #inqueersición denuncia a industria farmacéutica e as clínicas de reasignación de sexo por obter beneficio económico dos tratamentos hormonais e das intervencións cirúrxicas. Pola contra, nada di do mesmo referido á simple cirurxía estética tanto para homes como para mulleres.
Por non falar tamén do debate lingüístico que conleva en aspectos como o xénero gramatical masculino, feminino e neutro, a linguaxe inclusiva e non marcada ou mesmo a duplicada.