Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A mentira absoluta


A mentira absoluta

    Non, non creo que o actual alcalde de Ribadeo sexa un mentireiro
compulsivo. Creo que colleu o costume de mentir e úsaa. Coa
facilidade e inconsciencia que dá a práctica. Como se existira unha
verdade alternativa, súa, como lle escoitei, a súa verdade.
Como se os feitos e opinións deixaran de ser algo separado, e se
puideran mesturar chegando a unha verdade propiedade de quen fai a
mistura, quen podería permitirse difundila. Ó fin, a conversión do
que un quere pensar, ou cre que lle convén, en verdade por obra do
‘porque o digo eu’ parece que está a poñerse de moda.

    Non é o alcalde de Ribadeo o único expoñente, nin moito menos,
pero si o que a nivel institucional temos máis preto na nosa vila.
Cabe dicir no seu favor (del e dos outros non tan preto), que é moito máis doado mentir que dicir a
verdade: podes mentir sen pensar, dicindo calquera cousa. É máis, a
mentira aumenta cando polo medio aparecen mesturadas e tratadas de
igual xeito cousas que son verdades. Mentres, para dicir a verdade
tes que reflexionar para axustarte ós feitos, mesmo comprobar, ter
exactitude…

    Claro que canto máis minta, máis doado é coller ó mentireiro. Aínda que dáse un paradoxo: o mesmo que na canción ‘unha perna tapa á
outra’, unha mentira pode tapar a outra; hai que darse moita présa para
desenmascarar unha antes de que veña a outra encima, e as présas
non son boas para a verdade.

    Hai un tempo cheguei a un libro do autor de ‘As Viaxes de
Gulliver’, que por iso, polo autor, me chamou a atención. O
título: ‘A arte da mentira política’. Por certo, quede claro
que ambos os vin en castelán; o título en galego é tradución
miña, non mentira. O caso é que o libriño facía exposición dunha
arte cínica pero fina, que entendo que hoxe está en desuso porque o
que conta na rápida sucesión da vida actual non parece ser o
substituír algunha verdade concreta, senón en facer irrecoñecible
a verdade machacando a base de mentir.

    Volvendo a Ribadeo. Hai tempo que de xeito semanal aparece un escrito
que se titula ‘A quen pretenden enganar?’. Como nunca considerei
que fora comigo e pouco co pobo, non lle prestei atención. Ate o de
agora, cando me avisaron que ese ‘pretenden’ xenérico, rematara
por incluírme na masa de afectados (sen cita concreta e en revoltixo
con outra xente incluída nun saco de “oposición”). Foi entón
cando lin, e vin, que empregando acusacións xenéricas feitas contra
unha masa tamén xenérica, nebulosa e variable pero en aumento
semana a semana, case deixa de ter sentido ata o tentar poñer as
cousas en claro e procurar a verdade. É dicir, como puxen antes, “o
que conta (é) facer irrecoñecible a verdade machacando a base de
mentira”. Xa dixen, mentira tamén e sobre todo é cando tamén vai
algunha verdade polo medio, como para dar lustre. O
escrito aparece asinado por ‘D. Vega e PP de Ribadeo’. O xefe é
o xefe e exerce a xefatura, como debe de ser. E non importa que se
usen informes entregados despois de que tiveran lugar os feitos, que
en informes con datas anteriores (pero dados a coñecer despois)
aparezan xa zonas acordoadas con xente en traxe de faena dentro, ou
que unha dilixencia da alcaldía mande ó tempo cortar xa e facer o
informe xa, xunto con algunha outra irregularidade no mesmo escrito.
Por certo, na nota semanal que pretende enganar, neste caso sobre as
árbores, non se citan cousas como a falta de xuntanza a tres pedida
pola ANPA despois de contradición entre alcaldía e dirección do
C.P., non concedida ate o de agora.

    Hai que recoñecer que a emisión desas notas semanais require un
talento. Un talento como escritor, non como alcalde. E un traballo (e
rápido), para responder canto antes; traballo que quizais sería
máis proveitoso noutros lugares, de non empregalo en facer
valer ‘calquera verdade’. Tamén require a vontade de impoñer
‘unha’ verdade en troques da procura de vivir e beber da verdade.

    Coido que non é estraño que despois de ler o de ‘A quen pretenden
enganar?’, o primeiro que me preguntara fora ‘a quen pretende
enganar?’

    Nota final: é moi difícil defender a procura da verdade habendo un
bombardeo continuo de ‘verdades alternativas’. Mais, canto máis
difícil, máis necesario.

Escrito por Agremon en Ribadeando, https://ribadeando.com, o blog de Ribadeo
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *