Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

“Non mires á balsa de ALCOA”. Iván Rodríguez Lombardero


Unha curiosidade: a balsa, en Google Maps, aparece da mesma cor que a auga… (captura de Google Maps)

“Non mires á balsa de ALCOA

O pasado 11 de outubro a Xunta de Galicia publicou unha Declaración
de Impacto Ambiental (DIA) favorable para o recrecemento da balsa de
lodos vermellos de Alcoa. Unha DIA “singular”, como denuncian ADEGA,
Ecoloxistas ou Petón do Lobo, que no seu primeiro apartado inclúe un
texto literal que deixo ó seu xuízo:

“A avaliación non inclúe os
aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de
seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros que posúan
normativa reguladora e instrumentos específicos e se atopan fóra do
alcance da avaliación ambiental, nin todo aquilo que se atopa fóra das
cotas (100msnm-104msnm) nas que se pretende a execución do proxecto, nin
das canteiras ou zonas de extracción de áridos e pedra, nin os que se
deriven da caracterización dos barros a depositar nin dos plans de
emerxencias interiores e exteriores”.

É dicir, que adiante. Non
temos claro se caerá todo, se vai ser seguro para o persoal, se se vai
restaurar ou non, se os viais van ser empregados de acordo coa norma,
pero polo tema “ambiental”, adiante. Semella que as asinantes non queren
a responsabilidade de aprobar por urxencias políticas un proxecto con
tantos aspectos pendentes de aclaración. Un exemplo: durante o trámite
ambiental o departamento de Saúde Pública caracterizou os lodos como
irritantes e corrosivos, e polo tanto perigosos, o que podería modificar
os informes previamente remitidos polos restantes departamentos
consultados…

Pese a resolución favorable, abondan no texto as
condicionais e as dúbidas, entre as cales a unha semana da catástrofe da
DINA en Valencia debemos salientar este parágrafo sobre o informe da
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior:

“Revisada a
documentación en relación coa avaliación dos efectos derivados da
vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou
catástrofes que incidan no proxecto, se estima que son elevados, e polo
tanto o promotor do proxecto ten que modificar o Plan de Emerxencia
Interior para adaptarse ás novas características do depósito, que será o
documento de referencia para a actualización e revisión do Plan de
Emerxencia Exterior”.

Adiante, pese ó elevado risco. Cal é o risco
dunha balsa de lodos? A licuefacción dos mesmos debido a fortes
precipitacións, que poidan converter a terra en lama e provocar a caída
dese depósito de 100 metros de altura (33 pisos!!). Agarrarémonos neste
momento de crise climática -onde está a suceder seguido o nunca antes
visto- ao “malo será que chova tanto, verdade”? Pois si, agarrámonos.
Adiante.

Como xeólogo teño claro que se non se desmonta antes a
balsa de lodos vermellos vai caer antes ou despois. Se non é por un
evento catastrófico hoxe será pola falla de mantemento despois de pechar
Alcoa ou -o máis frecuente- por unha mestura de ámbalas dúas cousas: un
evento excepcional tras un mantemento deficiente. E aquí pasamos a
outro interesante debate aberto neste caso pola Dirección Xeral de
Patrimonio Natural, que informa:

“O proxecto non ten en conta no
deseño un sistema que sexa independente dun mantemento activo sine die
para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a
actividade e o seguimento” e estima que “debe incorporar un deseño que
garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, ao longo do tempo,
non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa
dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida para a súa
viabilidade”.

O Rei Espido, finalmente! Recoñece que se dá vía
libre a un proxecto que requirirá dun mantemento permanente durante
séculos sen concretar quen vai asumilo (un custe que se cadra suporía a
inviabilidade económica da factoría). Quen pagará esa factura sine die?
Como garantir o seu cobro? Estamos a telo en conta cando falamos do
beneficio de ter ALCOA na nosa comarca? Mais… ningún problema! A propia
DIA resolve o asunto coa encarga de presentar un proxecto de clausura e
restauración definitiva da balsa… (Pero hoxe non: mañá!)

“Fase de
abandono da actividade: Remitirase ao órgano substantivo, no prazo de un
(1) ano previa a finalización da vida útil das instalacións o proxecto
de selado, clausura e rehabilitación das mesmas xunto co pertinente
EsIA.”

En fin, que xa buscaremos a tixola cando rompamos os ovos.
Adiante cun proxecto sen garantía de estabilidade nin seguridade nin
plan de restauración nin plan de emerxencia. Unha decisión política da
que o propio persoal técnico non semella querer responsabilizarse
mentres todas cruzamos os dedos porque non pase nada. Seguimos sen
querer mirar arriba, pero debéramos mirar cando menos a Valencia.

Análise
elaborada por Iván Rodríguez Lombardero, coordenador do SLG en Lourenzá
(A Mariña, Lugo). Xeólogo ambiental, doutor pola Universidad
Politécnica de Madrid (E.T.S. de Enxeñeiros de Montes), especialista en
avaliación ambiental de actividades e planificación física.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *