Nos indianos, das indias ó CERN
13 de xullo de 2024. Hoxe está a celebrarse a festa dos indianos en Ribadeo. É aínda media mañá e xa levo intercambiado diferentes opinións con amigos e coñecidos sobre varios aspectos da festa. Dende a xente que enchía locais aínda ó amencer ate o esquecemento e desaparición da existencia da gran masa dos e das emigrantes que, se voltaron á terriña algunha vez, voltaron pobres. Remato de ver os haigas entrar na praza de España. Mentres, Félix Jorquera improvisaba unha entrevista comigo ó aparecer eu por alí estando en marcha o seu programa extraordinario de radio dende as escaleiras do concello. Antes ca min foi entrevistada Jesusa da Mariana, encarnación daqueles tempos da miña amiga e teatreira Susi. A xente, con traxes de época (é dicir, con traxes imitando ós mellores traxes daquela época) xa se vía nas rúas horas antes en cantidade superior á de outras xornadas de diario ou festa común ó mediodía. Catro ou cinco actividades ó tempo fan difícil escoller o que facer a continuación no propio ocio. E así sucesivamente.
Un ‘xornal anual’ está a ser repartido a milleiros por Ribadeo, a máis das diversas novas que nos xornais diarios ou na radio levan difundíndose dende hai tempo e que atraen e son consecuencia da cantidade de xente que atrae o conxunto de eventos indianos de Ribadeo, nunha espiral que medra de ano en ano sen vérselle teito.
Mentres, esta mesma semana unha nova, unha, saíu nalgún medio: unha ribadense, María Vieites Díaz, foi nomeada co coordinadora do experimento LHCb do CERN. Total, nada, é só un equipo que se vai achegando ás dúas mil persoas repartidas polo mundo para investigar algúns detalles das partículas que constitúen a base do cosmos. Unha investigación punteira a nivel mundial.
Os indianos (e os seus coetáneos que despois da viaxe ás américas seguiron pobres) eran emigrantes ó igual que o foi María. Un século de separación, unha formación ben diferente e unhas expectativas que non teñen nada que ver entre si marcan a diferenza. Pero, a vista de hoxe, sobre todo a diferenza está na celebración dunha visión totalmente parcial dunha realidade que foi fronte á escasa relevancia que ten unha nota de prensa especializada de algo que se mira no futuro.
Os indianos, os ricos e os pobres, tiveron un impacto grande polas súas aportacións a ambos lados do charco, e costa facerse unha idea de como podería ser a vida nunha e outra beira oceánica de non existir o sistema capitalista que favoreceu o ascenso indiano. Nese sentido, vivindo no mesmo sistema, é de celebrar hoxe unha festa como a de indianos, máis aló de como atracción turística, negocio ou contribución á xentrificación. Da outra banda, collendo a última verba do título, celebremos o nomeamento de María como un brinde a un futuro mellor, tanto seu en particular como do coñecemento en común, pois ao menos en parte, diso se trata, de investigar para ter ferramentas e coñecemento para mellorar o futuro. De todos
Unha resposta a “Nos indianos, das indias ó CERN”
Suscribo.