Auga para Sargadelos |
Sargadelos, un val poboado por unha industria (1)
30 de abril de 1798. Habitantes das 17 parroquias próximas a Santiago de Sargadelos no Concello de Cervo marchan sobre a fábrica que rixe o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez. Son recibidos non só con improperios. Reciben granadas e balazos. Hai un morto e moitos feridos. Causas do motín: o imperativo de que teñen que cargar carbón, e diversos materiais relacionados coa fábrica, por un salario mensual de 12 reais por carro, que necesita dous homes e unha parella de bois cun tempo de dedicación de tres días, o que leva consigo o descuido das tarefas de sembra e colleita. A desobediencia é sancionada con multas e prisión nun maldito cepo instalado nas fábricas.
Ibáñez logrou, pola autoridade central do reino, autorización exclusiva para manexar as fragas de Rúa. Ante tamaño mandato, os paisanos buscan amparo na Intendencia Xeral do Exército de Galicia, o que non logran e provoca o aumento na represión do señor feudal-ilustrado. Sargadelos é unha fábrica de municións con amplos privilexios reais. A fidalguía civil e relixiosa acusaban a Ibáñez de ser un déspota cuxa conduta industrial desarticulaba a economía agropecuaria da comarca.
No entanto, non podemos de ningún xeito obviar os seus logros. Dos seus fornos saen os potes que dan para comer a moitas familias humildes da zona, os proxectís que defenden á nación en momentos cruciais ou as tubaxes que levan o progreso á capital do reino en forma de auga corrente.
Con frecuencia gozo ensinando Sargadelos. O paseo desde os fornos até a presa coa canle e os eucaliptos aos lados do carreiro. O museo que garda e expón as catro etapas da louza que chegou a competir con Picman e Cartaxena, e na súa primeira etapa até con Bristol. A fábrica fundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, con ese fermoso mural que lembra un guerreiro do denario ibérico, ou a presenza escultórica dos grandes pais da nosa literatura Galaica.
Aínda se conservan as mouteiras do camiño con peaxe entre Sargadelos e o porto sito nos Campos-Ría de San Cibrán, onde a flota de buques con pavillón da fábrica, traían e levaban, materiais relacionados coa produción. O pazo coa súa heráldica e unha fermosa fonte, entre escaleiras de pedra e xardíns. Se pecho os ollos e poño atención creo escoitar aquelas orquestras que animaban as festas do Apóstolo Santiago pegadas á Casa da Administración. Bailes de outrora. Tango, chachachá, bolero, vals. Era unha muchachada alegre entre pegadas da historia.
Unha historia que debería ensinarse na disciplina de “sociais” nos centros de ensino, polo menos da Mariña mindoniense. No seu forno de fundición elaborábanse até 30 000 quintais de ferro que deron cociñas, balcóns, tubos, molinetes para barcos, rodas hidráulicas, baterías de cociña, municións, potes a estilo Bordeus. Eses consumos de 50 000 quintais de carbón mineral, outros 20 000 de carbón vexetal, uns procedentes de minas astures e outros das fragas sitas en Rúa e Trasbar.
E o máis importante. A industria empregaba até 1000 familias, 250 carros con 300 parellas de bois, que achegaban e trouxeron mercadorías dun porto -Os Campos de San Cibrán- que chegou a contar cunha flota de 22 buques.
Tal actividade foi causante da creación dese pobo-parroquia. Non só obradoiros, casas para residencia dos numerosos operarios e as súas familias, e desde logo unha igrexa que encomendaron ao Apóstolo Santiago, así como ese mesón que perdura hoxe esquecido.
En 1804 comeza o esplendor da louza que será contrasinal do bo gusto, até ese momento en 1848 en que até S.M. a raíña acusa mediante Real Orde haber recibidos dúas fermosas vaixelas de tal compañía -Sociedad La Riva- que se considera como presente das artes e homenaxe á industria de Galicia. Fago un inciso para comparar o que antecede coa pestilencia contaminante desa ALCOA moribunda. En Sargadelos houbo emprendedores, comerciais, deseñadores e continua mellora nas instalacións e ferramentas. Incluso un camiño de peaxe do que hoxe quedan as mouteiras que nos indican por onde pasaban os carros celtas desde o emporio industrial até o porto na ría do Covo.
En pleno primeiro terzo do século XXI, a louza daquel Sargadelos do século XIX é un luxo que adoita estar exposto polo seu valor integral, que ademais para un galego da Mariña é un símbolo que alimenta o orgullo identitario. De todas as pezas posibles quedo coas fermosas escribanías que a recado estaban na mesa escritorio dun catedrático, un bispo, un médico de prestixio ou un avogado triunfal. As súas cores poden confundirse coa louza de Cartaxena ou da Cartuxa, pero non para alguén que sabe de marcas.