Mindonienses
Último sábado de abril chuvioso. Como preguntou o poeta do asfalto. Quen nos quitou o mes de abril? Por tal motivo chegamos a Mondoñedo. Esa cidade que está durmida. Coa intención de tomarnos un Ribeiro cunca de branco con algún dos personaxes que describe Cunqueiro.
Sinbad disfrutaba dun milfollas na tenda de doces Val de Brea. Un establecemento fronte a un peto de ánimas. Onde as follas da alameda, movidas polo vento, baixan pola rúa Bispo Sarmiento, e alí comezan a converterse en finas lamelas de ouro ao escoitar o son da Ronda e da Paula.
Nos Muiños atopamos un viaxeiro que desde Cebreros, por terras de Ávila, pregunta polo gran Mestre, fillo de boticario. Preguntámoslle ao castelán polos touros de Guisando. E se xa foi beber a auga da Fonte Vella. Pois a capital inmortal do antigo reino é rica en tal, pan e latín. Cóntanos que tivo que esperar a súa quenda. Bebían os cabalos de Percebal e Lancelot que seguen ao seu señor Arturo.
Máis tarde no lugar fundado por O Rey das Tartas, Eugenio -Torrero de Bares- lémbranos aquel incidente que tivo co personaxe. Mentres, Chis Canoura -músico do Valadouro- descobre como o famoso doce de améndoa era un dos recordos que traía o conde de Lemos tras a súa estancia como virrei de Nápoles, aínda que aquí se lle deu a forma do rosetón da catedral mindoniense.
Tertulia sobre os viños da Rioxa na cantina do Valeco, tan preto da ponte do Pasatempo que case se sente a desesperación de Doña Isabel de Castro por chegar máis pronto que tarde á praza da Catedral onde o Bispo instalara o cadalso do Mariscal Pardo de Cela e o seu fillo. Non se puido facer nada. Pero tampouco o Prelado puido impedir que a lenda do cabaleiro nacese polos séculos dos séculos.
Saíndo da rexa cidade acariñada polo Masma que nace na serra do Xistral, visitamos o Campo Santo -vello- onde Cunqueiro, Pallarego, Leiras Pulpeiro e Pascual Veiga falan ao estilo da Santa Compaña. Son inmortais. E coma sempre pregúntalles don Álvaro. ¿Quen poidera nomarala?.