Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo
Sábado 6 de abril tivo lugar a concentración pensionista que se mantén dende hai tempo os primeiros sábados de mes en Ribadeo, nas escaleiras da Casa do Concello. 35 persoas, un día máis, en común.
Deixo dous audios (podcast) coas verbas de Evaristo Lombardero, que, na primeira parte reflectiu o comunicado que adxunto máis abaixo, e na segunda pasou a outras reseñas.
Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal
ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado
25 de marzo 2024
A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no
Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na
tramitación parlamentaria dos PXE.
Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das
organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas
reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o
PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio
das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos
Xerais do Estado.
Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se
dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado
manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos paridos que
lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os
PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se
hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o
esixiremos.
Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en
marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non
aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai
seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as
mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo
pensións de miseria.
Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas
do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de
beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da
inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6
millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión
social.
Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha
excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente
percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás
necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas,
condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.
Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con
máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos
baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas
residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os
desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos,
a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O
Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de
forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e
movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares.
Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.
As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a
privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir
expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:
– Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do
salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!
– Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O
complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.
– Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.
– Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha
auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada
do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade
Social.
– Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á
Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do
10% do Imposto de Sociedades.
– Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación.
A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!
Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!
ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)
UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…