Un novo mes, un novo número de Chío cheo de páxinas interesantes. Deixo abaixo a miña contribución.
A contribución:
Berrando máis que chiando
Abril indica primavera precedida da vivificante choiva, aínda que non sexa o maio dito florido. Mais o cambio de tempo a nivel global permite mesmo falar de flores en marzo como se fora maio, ou xullo, que tamén hai. De feito, neste xullo de 2024 haberá aló a cifra redonda de 88 anos, murcháronse moitas flores. Non foi por un fenómeno climático, senón político e guerreiro.
E como novo florecemento daquelas que se murcharon, aínda que só poida ser a nivel de recoñecemento e non vital, deixo aquí testemuña. Testemuña dunha iniciativa que se fixo realidade en Ribadeo hai un par de veráns: a colocación ó longo do pobo das chamadas ‘pedras da memoria’, versión ibérica das “Stolpersteine” en lembranza da xente represaliada a diferentes niveis, ata a morte, co motivo do a si mesmo chamado ‘glorioso alzamiento nacional’. As Stolpersteine naceron para lembrar ás vítimas nazis. Estas outras ibéricas, de cor diferente, foron feitas para lembrar unha dor semellante. Unha vez pasado o acto de celebración da súa colocación, quedan as ‘pedras’ no seu lugar. Un lugar relacionado con cada un dos e das (que tamén houbo mulleres, claro) que sufriron a represalia. Así, á porta da súa casa, ou do seu lugar de traballo… ou, nalgún caso, por falta de datos, por variación do trazado urbano ou outros motivos, nun punto común. Por exemplo, na ribadense praza de España teñen a súa pedra adicada boa parte dos represaliados do pobo.
O caso é que, en base a esas pedras, hoxe pódese visitar Ribadeo facendo un recorrido do pobo a través delas. Mesmo teño artellada unha rota que aquí presento para facer o recorrido. Como hai diferentes xeitos de facela, deixo unha ligazón que se pode tomar como indicación para ter una idea ser serguida dun xeito dixitalizado en Wikiloc: Ruta das pedras da memoria de Ribadeo. (https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo-162891199).
Entendo que é mellor identificala como circular, comezala e rematala no centro dun parque, a pesar de que lle poña un comezo e un final como algo máis práctico. Así, o lugar de comezo é o mesmo que o de remate: o centro da Praza de España, a poucos metros da Casa do Concello, a parte do parque central de Ribadeo que dá ó representantivo edificio da Torre dos Moreno/Cantón de Ribadeo. Alí hai 24 pedras agrupadas, xunto cunha lembranza, no chan. Postos a camiñar dende a pza. de España, e antes de meterse polas rúas, a primeira pedra observámolanos soportais camiño de de Amando Pérez.
Baixando por esa rúa, entramos en Enxeñeiro Schulz, onde case no centro xeométrico hai catro placas máis. Seguimos baixando e pasamos a Antonio Otero. Ó pouco de comezar o descenso por ela, atopamos unha placa no soportal que dá acceso á entrada da biblioteca (nº 17 da rúa), logo outra diante do nº 23 e máis abaixo, outra no 31. En Guimarán, nun pequeno altiño entre os actuais restaurantes Solana e Marinero, na separación entre as dúas casas ás que se entra por alí, aparece outra. Seguindo cara á ría, no mesmo Porcillán, practicamente diante da virxe alí posta, ó pé do muro branco está á vista unha máis. Comezamos a subir bordeando a aduana vella por Amando Pérez, e subindo á esquerda, dous portais antes de chegar ó cruce con Bispo Veres, temos outra máis. Collemos subindo por Bispo Veres, pasamos á rúa Trinidade, Méndez San Julián, baixamos polas escaleiras e atravesamos os soportais de Cabanela (case intransitables hoxe por hoxe). Antes de baixar ás ruínas alí existentes, xiramos á dereita e subimos pola Baixada a Cabanela, onde na primeira casa da subida atopamos outra pedra. Seguimos cara arriba ata a Ruanova, atravesamos o aparcamento, chegando á Pza. de Pancho Maseda á beira da casa do concello, e logo de novo Pza. de España.
Atravesámola cara á esquerda e collemos cara a Clemente Martínez Pasarón, onde, na porta do hospital Asilo atopamos a antepenúltima do recorrido urbano. Volvendo ó parque, atravesámolo por unha das avenidas principais e enfilamos a peonil Vilafranca do Bierzo ata chegar ó cruce das catro rúas. Nel, xusto na esquina entre Reinante e Rodríguez Murias atopamos a penúltima, e un pouco máis adiante, diante do primeiro espazo sen construír desta última, vemos a que fai o número 39. A 40 das colocadas está en Rinlo (R. Esperanza, 27, https://www.openstreetmap.org/search?query=R%C3%BAa%20da%20Esperanza%2C%2027%2C%20Rinlo#map=19/43.55595/-7.10580) e necesita un desprazamento extra, co que para rematar a ruta, podemos volver sobre os nosos pasos ata a praza de España e dar alí remate, diante das 24 pedras alí situadas, á lembranza en forma de paseo.
Así queda este chío do mes de abril, máis berro que chío polos feitos lembrados.