No nome delas
8-M. Non debéramos necesitar que nolo lembren. A cidadanía, que é fonte de dereitos (fundamentais e sociais contemplados na Constitución española vixente desde 1978), non ten xénero. Pero é bo recoñecer e agradecer o que fixeron por nós, habitantes de Galicia entre os séculos XX e XXI, tantas mulleres que construíron o progresismo co seu esforzo exemplar. Entendendo por progresismo, que as xeracións sucesivas viven mellor que as anteriores. Polo menos eu sempre estarei en débeda con elas.
Teño a sorte de pertencer a un espazo de traballo, o socio sanitario, onde dende a miña incorporación alá polo ano 1968, nese Hospital Clínico Universitario “San Carlos” de Madrid, vivín nun entorno con tres características: Actividade pública esencial e maioritariamente feminina. Igualdade de prestacións laborais, económicas e xerárquicas entre mulleres e homes. Dedicación exemplar das nosas damas, compañeiras dos equipos multidisciplinarios para curar e atender aos enfermos -penúltima vez pola pandemia-.
Mais houbo momentos nos que as veciñas do meu Concello tiveron que loitar, e son momentos históricos dos que podo dar fe documentalmente e que quero compartilo como cidadán dedicado á cultura.
No verán -23 de agosto- de 1892 as mulleres toman protagonismo e amotínanse, atacando as oficinas do Concello de Cervo así como a casa de José María Crego e Carlos Correa. Segundo informa a prensa, trátase dun problema chamado imposto ao consumo, que afecta a produtos alimenticios como carne, trigo, millo, centeo, patacas. Eran o alcalde Santiago Álvarez e o secretario municipal Justo Basanta, os que se atoparon con pedras e tiveron que refuxiarse na casa de don Jesús Balmayor. -O peor son as consecuencias, posto que a Garda Civil procedeu á detención das consideradas xefes do tumulto: Carmen Martínez Ben, Josefa Rey Castro, Carmen García Rodríguez, Concepción Paleo, Clotilde Rubiños Paleo.-
O camiño pola area, dende as rochas nas que se asenta o pazo das Cubelas. Cando ía de Cubelas a Los Campos quedou aquela última imaxe das mulleres que traballaban na salgadura. Antes era habitual atoparse no Coto cunha pescadora vestida de negro rigoroso. Era unha desas viúvas dos vivos, cos homes da casa embarcados para traballar todo o ano ao cabotaxe.
O domingo 13 de agosto de 1972 inaugurouse a fábrica de cerámica denominada “Pía do Xunco”. Pero non será só unha fábrica de cerámica e louza, estamos ante un enclave para a cultura, un punto de encontro de artistas e escritores, un laboratorio de formas e un mecenado do libro. “É bonito, traballamos e a fin de mes cobramos a nómina — As nosas nais traballaban todo o día e parte da noite, por nada” – Así é ser asalariado nunha industria, algo parecido a o que pasa nas conserveiras de Celeiro e Vicedo- -A maneira de liberarse é co traballo, tal cambio débello á iniciativa de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.