Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comunicado da plataforma ‘Eólicos, así non’


    Adxunto o comunicado que recibín onte sobre a actualidade dos eólicos na provincia de Lugo e algunha relación que se pode observar. Os destaques no texto son meus: 

Solpor nun parque eólico en Abadín. Collido de Commons, feito por iamato, lic. CC BY 2.0

Eólicos, Alcoa e Rock and Roll

    Os pasados días 7, 8, e 9 de decembro publicáronse no BOE as resolución do
Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) nas que
se formula a declaración de impacto ambiental dos Polígonos Eólicos
“Ventisca”, “Boura”, Monzón”, “Borrasca” e “Levante” e as súas infraestruturas
de evacuación. Estos Polígonos Industriais Eólicos, afectarán aos seguintes
municipios da provincia de Lugo: As Nogáis, Becerreá, Triacastela, Baralla,
Baleira, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, A Pastoriza, Abadín, Mondoñedo,
Lourenzá, Foz, Alfoz, Cervo e Xove. Todos eles foron promovidos por
sociedades unipersoais do Grupo GREENALIA

    Esta avaliación ambiental do MITECO é positiva aínda que esixe cambios na
maioría dos muíños no caso do polígono “Borrasca”. Sorprende que, nas
propias resolucións do MITECO, se indique, que a avaliación de impacto
ambiental está realizada sobre a documentación presentada polo promotor.
Esta documentación non aporta ningún traballo de campo detallado senón que
se limita a fórmulas estereotipadas. Sorprende tamén a desidia de moitos
concellos afectados polos proxectos que ao seren consultados, nen sequera se
molestaron en dar unha contestación, foron máis da metade nalgúns dos
casos.

    Trátase duns polígonos eólicos que están fora do plan sectorial eólico de
Galicia, é dicir, en áreas nas que non está permitida a construción destas
infraestruturas
. Este é o motivo polo que a empresa promotora paralizou en
xullo do 2022 os trámites xa iniciados á espera de que a Xunta de Galicia lle
concedera a excepcionalidade “por tratarse de proxectos con clara incidencia
territorial pola súa entidade económica e social, e por ter unha función
vertebradora do territorio”. Esta excepcionalidade baséase ao
parecer nuns supostos contratos para abastecer de enerxía barata á fábrica de
Alcoa de San Cibrao.

    Desde as Plataformas asinantes queremos destacar que:
Os estudos de impacto ambiental son claramente insuficientes e sesgados, xa
que están realizados pola propia empresa promotora e avaliados
posteriormente polo MITECO sen tempo nin persoal suficiente.

    Estanse valorando como catro (cinco con”Levante”) polígonos eólicos distintos o que claramente é
un único polígono eólico coa súa vía única de evacuación, dándose así unha
fragmentación artificial e ilegal dos mesmos.

    Os prazos e os procesos son cada vez máis rápidos sen dar ningunha opción
de participación ás persoas e comunidades afectadas, vítimas de decisións que
teñen máis a ver cós intereses dos grandes grupos industriais que coa
situación da xente que vive nas zonas afectadas.

    Estamos a falar dunha grande afectación a zonas rurais con grande potencial agrario
e turístico (no caso da costa) que de feito, están a vivir un rexurdimento poboacional, que quedaría,
senón truncado, seriamente danado coa instalación destes polígonos.

    Dado que o motivo de permitir estes polígonos en zonas fóra do plan sectorial é
o abastecemento de enerxía a Alcoa, hai que dicir que Alcoa está incumprindo
sistematicamente todas as promesas feitas
tanto aos seus empregados como
ás Administracións. A propia Alcoa comunicou en varias ocasións que non ten
intención de cumprir cós compromisos de inversión pactados coas
Administracións Públicas e cós traballadores, e non vai retomar a produción
de aluminio ao ser inviable por carecer de clientes e ter unhas moi importantes
perdas acumuladas que se acrecentarán nos próximos anos. Ao que hai que
engadir que chegou ao final da súa vida útil a xigantesca balsa de lodos tóxicos
que ocupa 90 hectáreas e que unha hipotética rotura do dique de contención
podería provocar unha catástrofe medioambiental de dimensións inimaxinables.
Somos moita a xente que estamos a pensar que Alcoa está xogando con nós,
para atender en exclusiva os seus millonarios intereses.

    Por todos estes motivos e máis, as organizacións ambientais, asociacións,
veciños afectados, a sociedade civil e os seus servizos xurídicos xa estamos
traballando e mobilizándonos para tentar frear este despropósito que só busca
o enriquecemento duns poucos, sen unha auténtica planificación do territorio
que permita a coexistencia pacífica das enerxías renovables co respecto á
biodiversidade, ao territorio e á poboación, e conte coa participación de todos
os afectados.

    Gustaríanos propoñerlle un xogo a quen nos está lendo. Recorte e garde este
artigo, e volva lelo pasados dous anos, ou catro como moito. Repase todas as
novas dende hoxe ata entón en relación con estes “Parques” eólicos, e observe a
quen beneficiaron e quen saíu danado
, mire onde se atopan nese momento cada un
dos protagonistas, e saque as súas sus propias conclusions.

    Plataformas asinantes;


Plataforma “ Eólicos na Mariña. Asi non”


Plataforma “Alto Miño. Eólica Así Non”


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *