Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ESCUDOS NA CAPELA DA INMACULADA (Castropol). Pancho Campos Dorado


ESCUDOS NA CAPELA DA INMACULADA

Pancho Campos Dorado


Na Igrexa parroquial de Santiago Apóstolo de Castropol, hai un retablo dedicado á devoción da Virxe Inmaculada coa súa imaxe central flanqueada pola súa destra por outra de San Luís de Gonzaga e a súa sinistra por San Xosé co Neno Xesús en brazos.


Na parte baixa a ambos os dous lados do Sagrario, dous medallóns describen nunha lenda que foi mandado facer por D. JOAQUÍN VIOR Y VIOR e a súa esposa D.ª JULITA PENZOL Y CONDE. Ano 1886.


Na parede lateral sinistra desta capela, atópanse dous Escudos de Armas. O máis próximo ó retablo presenta as seguintes características:

Perfilado
do Escudo de Castropol

Escudo
dos MIRANDA de Ribadeo

Escudo de armas partido cuxa forma non se cingue as normas heráldicas, e adopta a forma caprichosa dos escudos carlistas do Renacemento(1), período cultural dos séculos XV e XVI transición entre a Idade Media e a Idade Moderna.


Na partición dereita: en xefe, as cinco doncelas en aspa dos MIRANDA, reducidas a soamente as súas cabezas. Na aparte baixa, un castelo sobre ondas dos CASTRILLÓN. Son Armas do pai, liña agnaticia ou paterna.


Na partición esquerda: en xefe, unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle as follas. Son armas dos SOTELO. Na parte baixa, dúas barras cargadas con dúas lises cada unha, mirando cara a sinistra. Son armas ranversadas (inversas) dos QUEIPO DE LLANO. Partición coas Armas da nai, liña cognaticia ou materna.


Todas estas armas están representadas no cuartel 1 e 2 do escudo dereito segundo se mira a fachada da Casa dos MIRANDA ou dos DEL PINO, situada na Rúa Amando Pérez de Ribadeo, fronte a Fonte dos Catro Caños(2). Por isto cremos que estes escudos e brasóns falan da consanguinidade dos seus donos, e por outra banda a silueta de ambos os dous é esteticamente tamén igual. Vexamos.


O escudo de Ribadeo está cuartelado en cruz, e aparecen as armas colocadas en diferente forma ás de Castropol. No primeiro cuartel -medio cortado e partido- na parte alta unha árbore e dúas cabras empinadas dos SOTELO. Abaixo un castelo dos CASTRILLÓN (?) (faltan as ondas). E na partición esquerda dúas bandas cargadas de dúas lises cada unha, dos QUEIPO DE LLANO. No segundo cuartel, as cinco doncelas en aspa ou sotuer (3) dos MIRANDA con cabeza y corpo. Terceiro cuartel as armas dos VILLAAMIL. Cuarto cuartel armas dos LUACES(4).


Por estas descricións e a súa colocación vemos que o escudo de Castropol fala dunha liña paterna dos MIRANDA CASTRILLÓN e dunha liña materna SOTELO e QUEIPO DE LLANO. Mentres que o escudo de Ribadeo fala dunha liña paterna de SOTELO CASTRILLÓN e QUEIPO DE LLANO, mentres a liña materna é dos MIRANDA. Parece como si casaran irmán e irmá con irmá e irmán, ou primos e primas dunha e outra rama.


A antigüidade deste Escudo de Armas de Castropol é moi anterior ao ano 1886 que reflicte a construción do retablo da Inmaculada, posto que as armas dos MIRANDA e VILLAAMIL do de Ribadeo datan ó menos do ano 1675 como acredita a data do escudo de armas dos VILLAAMIL da Rúa Antonio Otero, reflectido tamén no terceiro cuartel dos MIRANDA. E si miramos a obra da súa colocación, vemos que está asentado na propia parede da Igrexa, posiblemente por estar os seus donos vinculados ou ser patrocinadores da súa construción e mantemento, tal como ocorre con varios dos escudos da Igrexa parroquial de Ribadeo, hoxe de Santa María do Campo, e que xa pertencían ao antigo Convento de San Francisco. En canto ao seu estado de conservación, aínda estando abeirado dentro da igrexa, presenta desgaste dos mobles e unha pátina ennegrecida debida ao tempo e á cantidade de velas e cirios ardidos que deben ter pasado baixo el durante séculos.


Un segundo Escudo de Armas nesta parede lateral e algo máis lonxe do retablo da Virxe da Inmaculada, presenta Armas que se poden interpretar de dúas maneiras, pois non se ven ben claramente as súas particións debido a negrura da pátina:

Foto
do escudo

Debuxo
perfilado

Interpretación A) Como un escudo partido.


Primeira partición. Unha ponte de tres arcos sostida por ondas de auga, defendida por unha torre sobre baluarte ameado e sinistrada dunha árbore. Serían armas dos PIÑEIRO (en campo de azur, un castelo de prata adestrado dunha árbore de sinople) e armas dos PONTE (en campo de azur, unha ponte de pedra de tres arcos, sostida de ondas de prata e azur, defendida por un torre de ouro [sen árbore])


Segunda partición. Armas dos VILLAAMIL (ver abaixo)


Interpretación B) Como escudo medio cortado e partido.


Primeiro cuartel. Unha árbore arrincada (coas raíces á vista) sinistrada dunha torre de pedra. Poidan ser Armas dos CASTRILLÓN (En campo de prata, unha torre de azur aclarada de gules, sostida dun penedo de sinople, e adestrada dun loureiro de sinople)


Segundo cuartel. Tres penas postas en faixa sobre ondas de auga. Parecen ser armas dos GALLEGO ou dos VIVERO (En campo de ouro, tres penas da súa cor postas en faixa -faltan tres ramos de ortigas sumadas- e sostidas de ondas de azur e prata)(5)


Terceiro cuartel. Armas dos VILLAAMIL. Dividido en dúas particións por unha espada baixa surmontada dunha gran cruz trebolada. No flanco destro unha aguia de ás baixas, superando tres faixas sobre ondas de auga. No flanco sinistro, unha torre de planta circular de seis ameas, con porta e catro saeteiras en dúas faixas, dúas e dúas, surmontando unha aguia de voo baixo.


Nesta partición sinistra, presenta as mesmas armas principais que no terceiro cuartel da casa dos MIRANDA ou dos DEL PINO de Ribadeo visto arriba, pero coas armas de consanguinidade colocadas de forma distinta. Cuartel partido por un espada baixa -punta abaixo- acompañada de dúas vieiras en xefe. Na partición destra unha aguia de voo baixo, superando ondas de auga. Na partición sinistra, tres faixas surmontando unha aguia de ás baixas.


Igualmente distintas ás do escudo do ano 1675 dos VILLAAMIL da rúa Antonio Otero de Ribadeo2 que presenta o brasón partido pola folla dunha espada, cuxo puño está fora do campo, acostado de dúas vieiras unha a cada flanco do puño. A folla da espada forma unha cruz en xefe, e na parte destra, catro faixas superando unha aguia de ás baixas mirando á destra. Na partición sinistra unha aguia mirando a destra surmontando ondas de auga.


As diferenzas nas armas de consanguinidade, corresponde a matrimonios de distintos irmáns dos VILLAAMIL, así, conservan as aguias e ondas de auga, alternadas coas armas de matrimonio, sempre acomodadas ás particións coa espada e a cruz, que fan honor ao seu lema “VILLAAMIL AVANTE CON ESTA CRUZ DELANTE”.


Si xuntamos os dous escudos de Castropol parecen dar a entender que son dun matrimonio, por un lado da Casa dos MIRANDA e SOTELO e polo outro da Casa dos CASTRILLÓN VIVERO e VILLAAMIL. Algo que se corrobora o brasonado da xuntanza familiar que representa o escudo dos MIRANDA de Ribadeo.


Despois disto podemos concluír que as Casas dos dous Escudos de Armas desta Capela da Inmaculada, están emparentados cos da Casa dos MIRANDA de Ribadeo. Non temos documentación algunha de tales consideracións, pero cando a poidamos ver, cremos que confirmará as nosas pescudas, sen dúbida.


Os lazos de consanguinidade a ambos lados da Ría de Ribadeo (ou de Ribadeo), son patentes entre as familias do antigo Reino da Galiza e do Condado de Ribadeo, por tanto, nobreza galega das súas xentes, algo que estamos vendo se foi perdendo coa educación castelanizante e cos modais modernos edulcorados de aparencia paternalista absurda que desenrolan algúns dos seus descendentes.


1 Luis.F Mesía de la Cerda y Pita. El diseño heráldico, Aldaba Ediciones, 1990, p.29.

2 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.120

3 Ibídem.

4 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.80 e 128.

5 O Libro da Heráldica Galega, Luciano Fariña Couto. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982-2001.

4 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, Francisco J. Campos Dorado, 2019, p. 80


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *