Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

68 máis un día


 68 máis un día

    Onte (un día anterior calquera, se o les noutro diferente ó de hoxe no que estou a escribir) unha amiga cumpriu 68 anos. É dicir, hoxe cumpre 68 anos e un día.

    Dito así, parece a duración dunha condena, con ese ‘máis un día’ como anexo imposto de xeito consciente por un xuíz para que a rea non se poda beneficiar das reducións ou alixeiramentos de pena que lle puideran corresponder por unha condena menor, unha correspondente a un delito menos grave. É dicir, para distinguir a gravidade da pena.

    Despois diso, non parece, aínda que o sexa, sinxelamente un alongamento máis da vida (máis un día, máis outro, outro engadido, outro máis…). Un alongamento que non se celebra, cansados de días pasados. Mais días novos con tanto valor como calquera deses outros xa idos. Si, incluídos os de aniversario que si se celebran ou ao menos son sinalados no calendario particular de cada un de xeito especial. Sinalados como se unha volta máis, máis ou menos exacta arredor do Sol, significara iso, algo especial, e non só outro pouco de camiño noso sobre a Terra, acompañando ó camiñar sen fin que é o xiro do noso planeta arredor da súa estrela.

    E mentres, un día máis (de vida), un día menos (ata o final), o tempo pasa para todos. Para quen cumpriu anos de xeito recente e para quen non o fixo dende hai máis de medio ano, ou mesmo aínda non tivo tempo de facelo nunca en absoluto. Para quen está a ler isto e para quen non o lerá nunca. Para quen poda ser consciente do feito e para quen nunca se parara a pensalo. Diferentes etapas de diferentes vidas, con diferentes cargas e diferentes esperanzas. Escribo isto nun día no que a noite, ese tempo en suspenso de vida consciente, alíase con moita xente para producir maxia, o día de antes de reis, dos Reis Magos ‘de Oriente’, de persoas confundidas con mitos (ou mitos con persoas) que celebran, segundo para quen, a existencia, o ser, como un agasallo. En forma de agasallo deixado sinxelamente pousado visible para ser recollido pola mañá por quen estea vivo alí, ó seu carón. Vivo, agasallado cun día máis do que os agasallos ‘máxicos’ son unha representación do que hai que celebrar. Pasado mañá eses xoguetes, eses agasallos recibidos un día antes, xa serán (algo máis) vellos, igual que as persoas que os recibiron, que terán ‘e un día’ máis para ter desfrutado da vida.

    Todos esperamos que fora (que sexa) así.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *