María Casares no 1944. Foto no Dominio Público, collida de gl.Wikipedia.org |
“LA GRANDE DAME DU THÉÂTRE FRANÇAIS”
En 2022 (ano do centenario do seu nacemento) estreouse o documental de Xavier Villaverde adicado á inmensa actriz de teatro María Casares, filla do que fora presidente do Consello de Ministros durante a II República en 1936 Santiago Casares Quiroga. Exilada desde nena en Francia a raíz da guerra civil española, escribiría moitos anos despois as súas memorias “Résidente prévilegiée” (Residente privilexiada) en lembranza e homenaxe ao que puña o seu documento de entrada no país galo. Eu puiden mercar (por un só euro) un exemplar no mercadiño que organiza periodicamente a AECC en Ribadeo.
A súa traxectoria como actriz fundamentalmente de teatro e en francés (mesmo cun marcado sotaque galego) foi fulgurante e camaleónica. Protagonizou algún filme dirixida por Cocteau ou Bresson, mais centrouse nas táboas para dar vía libre ao seu talento interpretativo. Durante 16 anos foi amante de Albert Camus e a súa saudade da Coruña non desapareceu até que retornou en 1976, aínda que en España era unha auténtica descoñecida, polo que xa delicada de saúde decidiu voltar a Francia.
Na Coruña vivira na rúa Panadeiras (a carón do barrio prostibulario do Papagaio) nunha fermosa casa con xardín (desde o que vía as prostitutas no seu tempo de lecer) que foi saqueada durante a guerra civil. Hoxe é un museo en memoria de seu pai e da tradición democrática republicana. Unha asociación da cidade pretende agora, moi acaídamente, poñerlle o seu nome ao Teatro Colón herculino.