Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

FACENDO CÁBALAS. Pancho Campos Dorado


 

FACENDO CÁBALAS

Pancho Campos Dorado

Buscando nos Escudos de Armas do pobo de Castropol, atopamos unha rara inscrición, gravada nun lintel do Pazo Valledor.

Unha forma de interpretala é a que vamos a desenrolar aquí. Posiblemente haxa outra maneira máis cabalística ou enigmática na que abstraerse, pero non por iso vamos deixar no tinteiro algo ao que nós chegamos, aínda que poidamos ser rebatidos por razoamentos máis documentados aos que nosoutros non accedemos.


A inscrición presenta na parte alta unha estrela de seis puntas inscrita nun círculo, posible configuración básica e estilizada dun Crismón, símbolo de Cristo e emblema de vitoria militar ou espiritual. Baixo el, outra forma circular rebaixada cunha cruz central, que representa a Sagrada Forma ou a hostia cristián do Santo Sacramento da Comuñón. Desta figura saen tres raios verticais, un central e dous laterais, que se abren na parte baixa para acoller a representación das Táboas da Lei ou Táboas cos Dez Mandamentos que Deus lle entregou a Moises no Monte Sinaí ou monte Horeb sito no sur da península do Sinaí ao oeste do golfo de Aqaba, ao noroeste do Mar Roxo.


Ambas táboas están inscritas nun triángulo, posible referencia a unha das formas cristiáns, e particulares, de representación dun Tetragramatón, simboloxía creada por parte dunha persoa cristiá iniciada en símbolos cabalísticos, pois nos laterais deste conxunto vertical hai dous semicírculos gravados que parecen representar unhas letras do abecedario hebreo (יהוה) e que lidas de esquerda a dereita din, “yod he waw”, que escritas en latín serían “YHWH”, Yahveh, para referirse ao nome impronunciable do Deus de Israel, pois as súas vocais nunca foron reveladas.

A palabra TETRA GRAMMATON en grego significa “as catro letras”. É un símbolo do xudaísmo e do cristianismo que percorre desde o mundo antigo, á Alta e Baixa Idade Media. Gravar as catro letras nas pedras dunha propiedade tiña como finalidade que fixera de “Amparo protector”, tal e como hoxe se ve nalgunhas entradas ou en vestíbulos de casas a lenda “Ave María” ou calquera outra representación dunha imaxe piadosa. Este tipo de lendas tamén se facían para protexer o traballo, ó individuo ou as cousas que para este individuo tiñan importancia, como á familia. Hoxe sigue representándose este símbolo, no mundo esotérico, coa forma máis individualizada dun amuleto colgante, dun anel, etc. coa figura convencional dunha estrela de cinco puntas, unha das cales apunta cara arriba.


Polo momento deixamos aquí este pequeno comentario e seguimos a procura de documentación fiable dos Escudos de Armas de Castropol.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *