Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo


Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

    Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches…

    Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.

    Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de ‘novas’ da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:

    — Nota de prensa do Concello:

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros


05/12/2023

Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.


Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.


O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.


No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.


O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.


Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”. 

 O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.

    — Comunicado do BNG:

O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.

No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!

Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!

Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.

Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.

En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.

Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).

En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *