Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Estaca de Bares e o seu Torreiro. Pablo Mosquera


Estaca de Bares e o seu Torreiro

Eugenio, nunha imaxe do seu blog.



Eugenio Linares Guallart. Asturgalaico. Funcionario e vixía. Navegador e explorador. Compositor e intérprete. Abducido polo mar e polo vento. Autor dunha obra precisa e necesaria para viaxeiros do norte.


“ESTACA: un paseo por sus piedras. Relatos y canciones.” Unha descrición ó seu xeito dun lugar máxico ao norte do norte. Un punto crucial onde se cruzan os mares. Cheo de historias e historias. O FARO MÁIS Ó NORTE DA PENÍNSULA IBÉRICA. O límite máis próximo con Inglaterra mar por medio.


A obra literaria é un caderno para o viaxeiro. Ao estilo do que fixo don Jorgito El Inglés acompañado de Antonio da Traba no século XIX. Un compendio que describe orixes e presenzas. Paisaxe e paisanaxe. Testemuñas e connivencia. Feitos casuais e causais. De terra a mar ou de mar a terra como facían os mariñeiros de tan diversas orixes, ben de paso ou para quedarse nese lugar que vixía a Illa do Mosteiro que recibía décimos e primicias baleeiras.


E algo moi singular que fai do libro un instrumento indispensable. Cal é a orixe do topónimo que dá nome ao lugar? Eugenio mostra unha teoría baseada nos achados de pedra que observaban os navegantes cando se achegaban pola costa.


Hai moitos xeitos de gozar da soidade. Sen dúbida, O Torreiro de Bares fíxoo durante máis de catro décadas. Compartiuno cos seus fillos e os seus amigos, entre os que me atopo -irmáns aventados- pero é que os soñadores nunca están sós. Sempre teñen a nosa nai a mar e o noso pai o vento. E moito menos presenciar o maior espectáculo do mundo. Unha tormenta ao final da liña do cavo. Este personaxe non precisa que lle den un certificado de natureza como escritor. O mar, a súa contribución aos descubrimentos de tantos visitantes do mundo antigo, a Santa Compaña que celebra as vésperas na Igrexa Vella na fermosa praia da Concha unxironno cabaleiro gardián do Camelot Templario.


Curiosa mestura. Non só traballo descritivo. A creatividade de Eugenio permítelle unha serie de RELATOS onde a imaxinación recibiu as musas daqueles trasnos que habitan tal lugar -un día de vento- -A néboa- entre outros. E de “postre” esas cancións que o noso amigo toca á guitarra coa súa voz rouca. Quedo coma sempre con “La rumbita de la Estaca de Bares”.


O día quince de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca do Barqueiro, gozaremos a modo tertuliano coa inspiración que nos produce o libro e que os amantes daquelas catedrais do mar que seguen a ser os faros, cos seus habitantes, merécennos.


Aproveitemos e é a intención de Os Aventados, con motivo deste traballo, reflexionar sobre o presente e o futuro dos faros, creando un foro que evite a explotación contra a natureza -caso da Illa Pancha-.

Pablo Mosquera

    

+

Sábado 9, 12:30, MUSEO PROVINCIAL DO MAR EN SAN CIBRAO.Presentación con Eugenio Linares Guallart, Pablo Mosquera (de Os Aventados) e Román Ventoso, varias décadas Farero en Punta Atalaya.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *