Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Pancha… non é unha moeda local. Iván Rodríguez Lombardero


 A Pancha… non é unha moeda local. Iván Rodríguez Lombardero

    O novo goberno municipal ribadense do PP mantén a iniciativa das
panchas de fomento do consumo no comercio local. En resumo, dannos desde
40 a 400 panchas pagando de 30 a 300 euros o Concello paga por nós ós
comercios os 10 a 100 euros restantes. Antes de comezar, cómpre lembrar
que se trata dunha subvención que será comunicada á Axencia Tributaria e
aparecerá nos nosos datos fiscais, e que nos obrigará a presentar a
declaración do IRPF. Ollo que no caso de persoas antes non obrigadas
-por ter só un pagador- pode obrigalas a pagar centos de euros: cada
quen que revise e teña en conta a súa situación.

    Non serei eu quen
se opoña a favorecer o comercio local fronte á forza que semella
imparable do comercio telemático e as grandes superficies. Manter vivo o
tecido comercial da nosa vila é un obxectivo loable e necesario. Porén,
paréceme axeitado reflexionar sobre o tema, xa que pódensenos ocurrir
diferentes xeitos de axudar ó pequeño comercio pola parte dos gastos
(reducir a tarifa da auga, a taxa do lixo, traballar pola rebaixa dos
alugueres de baixos comerciais…) e debemos ser conscientes do que
estamos a facer cando optamos a subirlles os ingresos a través das
panchas.

    Por unha banda, estamos a subvencionar o consumo de
calquera tipo de cousas, tanto necesarias coma innecesarias, cos cartos
de todas. Nun momento de crise planetaria debida ó exceso de produción e
consumo, unha administración pública debera ter xa posto o chip da
moderación, de garantir o preciso para todas sen incentivar o consumismo
como forma -errada- de satisfacer o que tantas veces son teimas do noso
espíritu.

    Pola outra, imos repartir cartos a quen xa temos cartos
-e a darlle máis (ate 100€) a quen máis poida gastar- cos cartos de
todas: os cartos públivos son de quen xa ten cartos e tamén de quen non
ten nada e apenas chega a fin de mes co básico. Nun Ribadeo no que aínda
vemos de xeito habitual persoas pedindo e mesmo durmindo nas rúas,
destinar cartos para que quen temos abondo gastemos con máis alegría non
sensibiliza nin fomenta a xustiza social e a solidariedade.

    En
terceiro lugar, facelo a través dun peto dixital supón que as persoas
que non dispoñan dun teléfono con acceso a internet e as que carezan dos
coñecementos precisos non terán acceso á subvención. Hai moitas
ribadenses sen esas capacidades e pese a que desde o Concello se artelle
un xeito alternativo, parece claro que os beneficios dos cartos de
todas non chegarán efectivamente e coa mesma facilidade a toda a
veciñanza.

    Finalmente, é claro que os produtos consumidos na súa
meirande parte virán de fóra, polo que non estamos aproveitando para
fomentar a actividade local nos sectores primario nin da transformación,
cuxo desenvolvemento precisa tanto ou máis o apoio institucional na
nosa comarca. É de agradecer que as administracións traballen para
favorecer o local nun marco de desglobalización como o que asistimos.
Tan importante é que este traballo a debera ser unha liña estratéxica
transversal a todos os sectores, non só o comercio e a hostalería.
Existen xa disposicións legais que permiten favorecer ás iniciativas
locais nos concursos públicos, xa sexa de contratas de limpeza, de
xestión de residuos, de atención nas residencias de maiores, do
abastecemento de auga, de adquisición de alimentos e mobiliario… Cómpre
animar por ilo a Ribadeo e ós concellos da comarca a implementar
criterios ambientais e sociais nos concursos e procesos de selección que
favorezan ás cooperativas e pemes locais evitando a fuga do seu
orzamento (millóns de euros dos nosos impostos) da comarca.

    Remato
coa cuestión etimolóxica, porque chamar moeda local a unha subvención ó
consumo pode levar a confusión, subestimando a potencia das auténticas
moedas locais. Pero mellor que facer aquí unha tediosa explicación sobre
que son e que non son, vou recomendar á lectora que busque en internet
(si, de novo a brecha dixital) a película “El Milagro de Worgl” (2018)
-recentemente dobrada ó castelán por un grupo de usuarias da moeda
alternativa G1- que ilustra ben o auténtico potencial das moedas locais
na loita contra a pobreza e na promoción da actividade económica dun
xeito integral, especialmente en tempos de crise.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *