Carlos Saura. Collida de Wikimedia Commons, subida por Carlos Delgado, Lic. CC BY SA 4.0 |
O HOME CÁMARA
Dicía en vida que a súa teima coas imaxes a herdara do seu pai, quen lle ensinou a elaborar libros-collage con recortes de fotografías, paixón que tamén tiña o seu irmán, o pintor Antonio Saura. A nai era pianista e, grazas a ela, Carlos Saura afeccionouse a plasmar no seu cinema os fados ou o flamenco. Música e fotografía tamén as mesturou nas súas orixinais curtametraxes experimentais.
De neno, Carlos Saura fabricou a súa propia cámara fotográfica, chegando a coleccionar máis de mil que atopaba en tendas de antigüidades e mercados de segunda man. Antes de cineasta foi fotógrafo de festivais e tamén se adicou a colorear a man moitas das instantáneas que previamente realizaba.
Por toda esta traxectoria artística e profesional Photo España adicoulle na Lonxa de Zaragoza unha mostra titulada “Carlos Saura fotógrafo. Una vida tras la cámara”, formada por un cento de fotografías da súa autoría que supoñen unha especie de diario creativo, íntimo e persoal dun dos meirandes expoñentes da sétima arte na segunda metade do século XX español e dun dos artistas máis interdisciplinares, inclasificables e xenuinos da súa xeración.