Fágome eco dunha nota de prensa da USC, ó paso que felicito a Celia Castro:
Humanidades aborda nunha investigación a influencia da fotografía nalgúns pintores do século XIX
A tese de doutoramento desenvolvida pola ribadense Celia Castro
Fernández baixo a dirección de Carmen Bermejo e Jesús Varela Zapata
analiza a importancia da invención da fotografía e a súa repercusión na
obra de Dionisio Fierros e Federico de Madrazo, entre outros autores da
pintura moderna española
Celia Castro Fernández, entre Varela Zapata e Carmen Bermejo, na Facultade de Humanidades |
A
influencia e as repercusións que tivo a invención da fotografía noutras
manifestacións artísticas, tal e como é a pintura, centra a
investigación de doutoramento que acaba de presentar a catedrática de
Historia da Arte na Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón de
Lugo Celia Castro Fernández na Facultade de Humanidades do Campus de
Lugo baixo o título ‘A influencia da fotografía nalgúns pintores do
século XIX: O círculo de Federico Madrazo’.
A investigación,
impulsada pola tamén catedrática de Historia da Arte na USC Ana Goy Diz e
co dirixida, tralo seu pasamento, por Carmen Bermejo Lorenzo, da
Universidade de Oviedo, e Jesús Varela Zapata, da USC, aborda desde unha
perspectiva comparativista e seguindo a metodoloxía dos Estudos
Culturais, a importancia da invención da fotografía e os efectos que
provocou a aparición desta na pintura española moderna.
Castro
Fernández afonda nas súas pescudas no estudo e na análise da obra
pictórica de diversos autores, entre os que se atopan Dionisio Fierros e
Federico de Madrazo, ademais de mergullarse na obra de diversos
fotógrafos madrileños do século XIX.
Unha das múltiples
contribucións que achega a investigación de doutoramento desenvolvida
por Celia Castro Fernández atinxe á recuperación e á análise de material
até o momento inédito, tal como corresponde ás chamadas ‘cartes de
visite’ (tarxetas de visita), procedentes ou pertencentes a diversos
coleccionistas privados.
Tribunal de tese e cualificación
A catedrática de Historia da Arte na Universidade de Oviedo, Ana
Fernández García, presidiu o tribunal encargado de avaliar esta
investigación de doutoramento, un comité do que tamén formaron parte o
catedrático da Universidade de Santiago Juan M. Monterroso Montero, e o
profesor da Universidade de León Iván Rega Castro. Os membros do
tribunal acordaron por unanimidade outorgar a esta tese a máxima
cualificación académica de sobresaínte cum laude.
Celia Castro Fernández, entre Varela Zapata e Carmen Bermejo, na Facultade de Humanidades |