María Muñoz (foto no Dominio Público) |
“CORRIENTE DEL GOLFO”
Así se titula o disco homenaxe a Lorca en Cuba (no 125 aniversario do nacemento do poeta de Fuentevaqueros, os mesmos que cumpre, por certo, a Xeración do 98) do pianista vigués Alberto Conde. A visita de Federico á illa e aos Estados Unidos (“Poeta en Nueva York”) non tería sido posible sen a guía da galega María Muñoz Portal, segundo explica Irene del Río, presidenta da asociación Amizade Galego-Cubana.
María Muñoz nacera na Coruña, fora alumna de Falla e directora do conservatorio nacional da Habana, onde introduciu a música do seu mestre e de compositores galegos como Chané ou Xoán Montes. Tamén mesturou a música negra antillana (rumbas, boleros…) e os incipientes blues e jazz sureños co flamenco e coa música clásica como fixera o propio Lorca no seu poema “Son de negros”.
O disco inclúe un dos seus seis poemas galegos, en concreto “Madrigal á cibdá de Santiago” (que Lorca compuxo por iniciativa, entre outros, de Blanco Amor) na voz da fadista Ana Ferreira. Tamén a cantiga xa popular, con letra de Curros Enríquez (quen pasou moitos anos en Cuba), “Unha noite na eira do trigo”.
Lorca tamén visitou antes da República, en viaxe escolar, varias localidades galegas (entre elas Lugo) e, xa nos anos 30, coa súa compañía teatral La Barraca, a vila mariñá de Ribadeo, por exemplo.