Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O PAZO DOS MARTELO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


 

Portada dunha obra de E. Martelo (no D.P.)


O PAZO DOS MARTELO


(Xosé Carlos Rodríguez Rañón)

    Así chamado polo apelido dos seus últimos propietarios, que nada tiñan que ver con quen, en Rianxo, o mandou erguer: o almirante Paio Gomes de Soutomaior (alcumado Paio Gomes Chariño), un dos nosos meirandes trobeiros medievais, que igual compuña cantigas que conquistaba Sevilla aos musulmáns. O edificio actual (barroco e cunha impoñente balconada) nada ten que ver co orixinal, que incluía unha inmensa torre cuadrangular. O concello adquiriuno para biblioteca municipal hai agora medio século e rehabilitouno unha década despois. Desde entón, practicamente non se tocou e a día de hoxe precisa dunha profunda remodelación, así como toda a súa contorna: unha céntrica praza empedrada usada como aparcadoiro. Noutras latitudes máis sensíbeis co patrimonio histórico, isto sería insólito.


    O mesmo acontece, moi perto da capela da Virxe de Guadalupe, coas casas de Manoel Antonio, Dieste e Castelao, todas elas na literaria Rúa do Medio e necesitadas de urxentes remedios. Épocas houbo nas que, nos seus baixo-andares, había tendas de electrodomésticos, de lambetadas ou mesmo bares.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *