Deixo en baixo a nota de prensa do concello correspondente ó último pleno, coa despedida de Fernando Suárez. A acta do pleno pode atoparse aquí:
ACTA DO PLENO 2023-0009 [ACTA PLENO EXTRAORDINARIO. APROBACION ACTAS. 14.06.2023]
CELEBROUSE ONTE, MÉRCORES, Á TARDIÑA
Último pleno do mandato
15/06/2023
O salón de plenos do Pazo de Ibáñez acolleu a
última sesión do mandato na que o alcalde, Fernando Suárez, se despediu
tras 16 anos no cargo.
Discurso do rexedor: “agora si, que case chegou o final, toca
despedirse de verdade. Despedirme coa aprobación destas derradeiras
actas desta casa do pobo e deste cargo que levei con dignidade e con
paixón nos últimos dezaseis anos.
As urnas falaron
hai poucos días e non lle deron a oportunidade á nosa candidatura para
liderar os vindeiros catro anos. Hai que respectalo e felicitar aos que
gañaron. É o cerne da democracia: saber gañar e saber perder. Tempo
haberá para que os que gobernarán demostren a súa valía e aos que lle
toque facer un lexítimo exercicio de oposición, o fagan para fiscalizar,
apoiar cando é bo para o Concello e discrepar cando as situacións o
requiran. Todo isto para que Ribadeo siga indo a mais, se cadra, máis do
que foi nestes derradeiros anos.
Non
podería resumir toda esta miña vida pública no Concello en catro liñas.
Podería aburrirvos contando anécdotas e batallas desde o ano 1999 cando
tomei posesión da acta de concelleiro nun día de xuño coma este, hai 24
anos.
Coma un picariño entrei con 26
anos, da man de xente como Eduardo Gutiérrez, que foi unha das persoas
que me inspirou nisto da “arte da guerra”, que é a política municipal.
Mais aló dos encontros e desencontros que puideramos ter, gárdolle
sempre un grato recordo. E isto fágoo extrapolable á relación con outras
persoas, de dentro e de fóra do Concello, rivais políticos ou non ao
longo destes anos. Ao cabo a vida, non é unha liña recta senón un
continuo onde aprendes, trabúcaste, rectificas, etc. Todo isto sempre é
bo, sempre que o fagas con honestidade e buscando o mellor para o
interese público, ese valor superior que debe transcender incluso á
obediencia partidaria.
E teño que
dicir que aprendín, e moito, en toda esta etapa vital. Rodeado de xente
impecablemente técnica e boa, como moitísimos funcionarios e
funcionarias coas que tratei en todos estes anos. Algúns están hoxe aquí
como o admirado Rodil, sempre eficaz e sempre atento, ou como o erudito
en cuestións xurídicas, José Antonio Carro. Con esta lealdade mutua
fixemos cousas marabillosas e démoslle, sen pretendelo, unha lección a
moitas administracións, persoas, colectivos, etc. do que pode chegar a
facer un Concello se se plantexa facelo, se non se arredra perante
ninguén e se ten a vontade decidida. Porque coa razón vas a todos os
sitios, pero coa razón e o dereito, un é imbatible. Ogallá o listón
establecido en Ribadeo non quede onde está, senón que se eleve moito
máis. Verase.
E o mesmo
digo para o resto de persoal coa que traballamos. A confianza
depositada, a non ocultación dos asuntos, o non enredar con cousas
turbias, e o tentar tratar a todos por igual foi o que nos leva a irnos
con tranquilidade e con satisfacción polo traballo feito.
Teño
que dicirvos que neste periplo, tamén aprendín a poñerme nas botas do
outro. Cambiei opinións previas e xeitos entender as cousas, pero tamén
me reafirmei noutras. En fin, 20 anos dicía o tango de Gardel non é
nada, pero se cadra, é unha vida.
Voume
sen rancores e sen vendetas. Ás veces non fun comprendido noutras
“elites orgánicas”, quizais porque nunca gobernaron ou simplemente
porque non quixeron comprender as posibilidades de facer unha verdadeira
“Realpolitik” nun pequeno Concello con alma de grande, e que
transcenderon para todo o noso país.
Como
dícia Frank Sinatra, algún arrepentimento tiven, pero moi poucos para
mencionalos. Fixen o que tiña que facer e fíxeno sen excepción. Pero a
diferenza da canción, non o fixen ao meu xeito, senón co concurso das
compañeiras e compañeiros de goberno que me acompañaron ao longo de
todos estes anos, e especialmente, como non, os que están a carón de min
neste mandato. Aprendín moito deles, e con eles, e confío en seguir
gozando da súa amizade e xenerosidade para sempre.
Agora,
con discreción pechamos este derradeiro Pleno e ímonos coas mans limpas
e baleiras, tal e como entramos, coa soa compaña das nosas familias e
dos nosos amigos.
Aos
que vos ides canda min, da vida política municipal, foi un pracer
tratar convosco, e aos que o sábado encetades unha nova etapa, tanto no
goberno como na oposición, deséxovos acertos, porque se os tedes serán
tamén os dos 10.000 veciños e veciñas que vivimos e seguiremos a vivir
neste marabilloso Concello, así como os outros milleiros que nos queren
con tolura e que nos visitan arreo.
Loitade
por el e traballade para ser dignos do cargo que ides ocupar. Pensade
que na política municipal, como na vida, todo é temporal, e que ao cabo,
só vos quedará a satisfacción interior ao marchar de poder dicir ou
non: Coido que fun digno do cargo que ocupei e no servizo prestado aos
nosos paisanos e paisanas que nos puxeron aquí.
Confésovos que tanto eu, coma os meus compañeiros, ímonos con ese sentimento de deber cumprido. Mais nada, recibide todos e todas un cordial saúdo. Viva Ribadeo e viva Galiza Ceive. Érguese a sesión”.