Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ILLA PANCHA BIC E OUTROS OBXECTIVOS. AVV Por Nuestro Faro


Foto de Suso Fernández

ILLA PANCHA BIC E OUTROS OBXECTIVOS

    O pasado 3 de xaneiro solicitamos ó Concello de Ribadeo que comezara a tramitación para que o faro de Ribadeo sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en base á súa escaleira de caracol e balcón circular da lanterna, pezas feitas nas Antigas Forxas Artesanais de Sargadelos, a finais do século XIX.

    Uns días despois desta petición, o alcalde poñíase á entrada da illa e arrincaba a porta. Sabemos que este xesto non respondía ó noso requerimento de forma directa, pero marcaba as prioridades efectistas do momento, despois de tantos anos pedíndolle que abrira aquela porta sen éxito.

    De feito, tres meses despois seguimos sen resposta á nosa petición de BIC pero séguese a falar da porta. E en exclusiva.

    En consecuencia, esta semana a asociación «Por Nuestro Faro» dirixiuse á Xunta de Galicia para pedir a axuda que o Concello nin considera. A relevancia social e cultural dos elementos históricos presentes no antigo faro é evidente, e cremos que o seu estudo e contemplación no deberan reducirse ós clientes dos apartamentos turísticos. Cualquera persoa interesada debe poder visitar esas pezas da arquitectura tradicional gallega sen máis limitación que a establecida pola normativa vixente.

    Agardamos que a Xunta dé comezo á tramitación e lamentamos que o Concello de Ribadeo no teña estudado estes elementos antes de aprobar a privatización dese espazo, nin teña aproveitado a ocasión de rectificar cando llo pedimos hai uns meses, acordándolles o interere que merecen, como elementos artísticos e históricos do patrimonio ribadense.

    A pesar disto, queremos declarar sinceramente que nos aleda que o alcalde de Ribadeo, ó fin comprendera (e así temos podido lelo na prensa e na páxina web do Concello) que «manda na totalidade do concello. E como mandamos, temos a obriga e a responsabilidade de cumprir e facer cumprir as leis», que é algo que esta asociación leva pedíndolle dende hai 8 anos.

    Aproveitando estas declaracións, queremos lembrarlle que existen outras irregularidades no relativo á xestión do faro e do seu entorno e a tramitación dos proxectos que alí se desenvolven, que conviría comezar a resolver unha vez que a simboloxía publicitaria da porta quede amortizada. Por exemplo, e xa que o Concello deu difusión á obtención de bandeiras azuis nas praias de Ribadeo, queremos subraiar que ten pendente a bandeira negra outorgada por «Ecoloxistas en Acción» á illa Pancha, como consecuencia da falta de estudo de impacto medioambiental preceptivo, carencia que tamén ten sinaldo en varias ocasións o Defensor del Pueblo. Así, para ir comezando.

AVV Por Nuestro Faro


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *