Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadenses destacados: FERNANDO MÉNDEZ SAN JULIÁN. Eduardo Gutiérrez


      Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Fernando Méndez San Julián, por Eduardo Gutiérrez

Reedición de ‘Apuntes sobre Ribadeo’ en 2015, con limiar de Fernando Suárez

 FERNANDO MÉNDEZ SAN JULIÁN

(Mohices – El Franco, Asturias, 1884 – Ribadeo, 1902)

Xurista e historiador ribadense

Eduardo Gutiérrez Fernández

Vida e obra.- 

Fernando Méndez San Julián naceu en San Miguel de Mohices, concello de El Franco en1834, estudou Dereito en Oviedo, exerceu de Tenente Fiscal en Ribadeo e morreu nesta vila. Antes da súa estadía en Ribadeo, segundo informan algúns autores asturianos como Javier Junceda, exerceu como fiscal en Puerto Rico. Ocupou a alcaldía de Ribadeo en 1877 durante case un ano e deixou o cargo para dedicarse á xudicatura. Faleceu en 1902 e está soterrado, xunto coa súa irmá, no Cemiterio Municipal. Pouco tempo despois o Concello deu o seu nome á rúa do Correo, que era onde vivira. Foi profesor da Escola de Náutica de Ribadeo e Presidente do Círculo de Recreo en varios períodos.

Como escritor ten unha importante produción e, particularmente a obra Apuntes sobre Ribadeo, un extracto dos libros de actas municipais, desde 1536 a 1883, xunto cun apéndice que estuda o expediente da Colexiata de Santa María, un sucinto prólogo e un longo estudo introdutorio de máis de vinte páxinas, que algúns outros autores, como Francisco Lanza e Antonio Pérez Martínez cualificaron de acedo e nalgúns aspectos incompleto. Foi publicado por primeira vez en 1884 en Las Riberas del Eo, pero logo seguiron numerosas reedicións, concretamente en 1929 e en 1931 e algunhas en folletón. En 2015 a Deputación de Lugo deu ao prelo unha edición facsimilar do libro.

Méndez San Julián colaborou en varias publicacións e entre elas La Ilustración Gallega y Asturiana que, como é sabido dirixiu Manuel Murguía, figura con quen mantivo unha ampla relación epistolar Tamén escrebeu no monárquico constitucional (ou sexa alfonsino) El eco de Galicia, fundado e dirixido por Manuel Vázquez de Parga, e editado en Lugo. E noutras publicacións especializadas como La Justicia, de Madrid, e a prestixiosa Revista General de Legislación y Jurisprudencia, creada en 1853 e con continuidade até os nosos días agás o período da Guerra Civil. Nela colaboraron Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate, Concepción Arenal, Montero Ríos, Eduardo Dato e outros moitos.

Non tiñamos noticias de Méndez San Julián como poeta e, por iso, chamou a nosa atención a inclusión dun breve poema seu nada menos que no Album de la Caridad, coa particularidade de que está escrito en francés. Aclaremos inicialmente que se trata da edición de 1862 dos Xogos Florais celebrados o ano anterior na Coruña, que insire un “mosaico” de poemas non só en galego, ainda que a intención era promovelo. O que si constitúe un fito a prol da normalización do galego, foron os Xogos Florais de Tui de 1891, xa en pleno Rexurdimento, mentres que os da Coruña conforman unha iniciativa propia dos Precursores.

O poemiña, apenas oito versos, é unha composición de carácter necrolóxico, que mesmo emprega como divisa unha concisa frase en latin do Apocalipse: “Boaventurados os mortos que morren no Señor”. Vexamos o texto: “A Elisa / Ainsi que l’hirondelle, / Quand vient l’hiver s’en va / Pour trouver, oh ma Belle, / De plus tiédes climats / Toi, qui cherchais la vie / Du printemps eternal, / D’ un vol tu t’es enfuie / Pour ton pays, le ciel”. Descoñecemos as miudezas da vida de Méndez San Julián que, iso si, morreu solteiro. Poida ser que a dedicataria existise de certo, ou que fose sinxelamente un motivo literario. No tempo da composición tiña o autor vinte e oito anos.

Comezo da rúa Méndez San Julián en Ribadeo

A escolma de vates galegos que elaborou para o citado Album Antonio de la Iglesia “Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos”, recolle este poemiña e ainda que as condicións líricas de Méndez San Julián non acadasen a fama no futuro, si as súas achegas históricas e ensaísticas. Ribadeo honrouno dando o seu nome a unha rúa, como xa dixemos, e hoxe nós lembrámolo exhumando con cordialidade un seu retallo poético.

Rúa Méndez San Julián. Vista cara ó fondo.

Complemento: F. Méndez San Julián, na rede.

Un retallo poético de Méndez San Julián

Presentación do facsímil de Apuntes sobre Ribadeo

Pequena nota sobre Méndez San Julián: https://españolito.es/index.php/encyclopedia/mendez-san-julian-fernando/


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *