Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadenses destacados: FRANCISCO LANZA ALVAREZ. Eduardo Gutiérrez


      Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Francisco Lanza Álvarez, por Eduardo Gutiérrez

FRANCISCO LANZA ALVAREZ

(Ribadeo, 1892 – Buenos Aires, 1951)

Eduardo Gutiérrez Fernández

    Nota biográfica

    Francisco Nemesio Lanza Álvarez naceu na parroquia de Obe, nun lugar que, desde hai xa un tempo, foi incorporado á de Ribadeo, o 26 de marzo de 1892. Era fillo de Bernardo Lanza e de Manuela Alvarez. En 1921, casou en Ribadeo con Rosa Pérez Fernandez, que era filla de Celestino Pérez Andrade, e irmá de Lino Pérez Fernández. Tiveron dous fillos: Ramona Manuela Rosa, que naceu en 1922 e Francisco Celestino Emilio, nado en 1924, ambos e dous en Ribadeo. Lanza morreu en Buenos Aires o 14 de febreiro de 1951. 

A casa da Comarca, hoxe.

    Non temos excesiva información sobre a vida na Arxentina de Francisco Lanza. Cando emigrou, en 1931, xa vivía aló o seu cuñado Lino Pérez, con quen mantiña unha estreita relación como proba o feito de que na etapa de Pérez en A Fouce, a revista informara da iminente publicación dunha “historia galega de Ribadeo, ilustrada por Suárez Couto”, en decembro de 1926 e inxerindo unha caricatura de Lanza obra do pintor ribadense (no número 4). Engadamos que tamén Lanza publicou en La Comarca algún artículo do seu cuñado. O libro non se imprentaria até 1933 mercé ao pulo dos irmáns Suárez Couto. Como noutros moitos casos Lanza tomou a decisión de emigrar na procura de mellores oportunidades de traballo e de vida, despois de varias iniciativas emprendidas na sua vila natal con pouco éxito. A diferenza de outros ribadenses, como Eliseo Pulpeiro, Clemente Lopez Pasaron e Lino Pérez que o fixeron novos, Lanza cumprira xa trinta e oito anos. Boa parte da súa produción histórica xa estaba feita e publicada, na revista Nós e no Boletin da Real Academia Galega, e o Ribadeo antiguo xa vira a luz parcialmente no seu periódico La Comarca

Portada do Ribadeo Antiguo

    En Buenos Aires traballou para a Editorial Sopena, realizando traduccións ao español de Eça de Queiroz, segundo informa Alberto Vilanova, que as califica de “discretas”. Téñase en conta que tal labor tamén a desenvolveron escritores como Rafael Dieste ou ilustradores como Castelao. Lanza tamén realizou outras traducións como Nobleza americana (Noblesse americaine) de Pierre de Coulevan, seudónimo de Jeanne Philomènne Lapeche (1946), escolmas como Leyendas de Oriente, ou versións resumidas e adaptadas de clasicos como Quo vadis de Sienkievicz, Los tres mosqueteros e El vizconde de Bargelone de Dumas, en Cuentos Miniatura da Editorial Sopena, etc. Na procura de sustento, o seu labor periodístico non se limitou a publicacións do eido cultural, e propias da colectividade galega e colaborou, particularmente como corrector, na revista “Damas y damitas”, que nunha nota necrolóxica dedícalle eloxiosas palabras. Mesmo publicou algúns relatos de ficción na revista Leoplan. Concretamente no número de xuño de 1938 o pequeno relato “Cuento de invierno” moi no estilo realista, sitúa a acción nos anos finais do século XIX e fala dunha viaxe en dilixencia cara Puertodeo e con parada en Albavilla en claras alusións a Ribadeo e Vilalba. Non foi a única narración da súa autoría na revista.

    Participou na vida societaria da emigración galega particularmente en labores culturais. No Catálogo da magna Exposición de libros e autores Galegos organizada en 1948 polo Centro Galego, Francisco Lanza aparece na relación de agradecimentos.

    Segundo indican diversas fontes non tivo alén-mar unha vida farturenta xa que unha semana despois de morrer o Centro Galego acordou perdoar á súa familia os gastos de hospitalización no Sanatorio, segundo indica Xosé Ignacio Feijóo. Por outra banda, Luis Seoane, nunha carta enviada a Francisco Fernánez del Riego, en xullo de 1951 afirma que morreu pobremente. E mesmo La Comarca no seu obituario publicado en marzo de 1951, asegura que viveu e morreu pobre. Antes, no mes de febreiro xa dera conta do seu falecimento, ainda que informa de que o óbito se producira o 15 de xaneiro. Tiveron mellor fortuna aló os ribadenses antes citados: Pulpeiro, Clemente Lopez Pasarón e o seu cuñado Lino Pérez

    Fortuna editorial do Ribadeo Antiguo

    As fontes documentais máis importantes do Ribadeo antiguo son o Arquivo Municipal de Ribadeo, así como o notarial. As bibliográficas son sobre todo as españolas de carácter xeral: Henrique Flórez, Martínez Marina, Modesto Lafuente, Rafael Altamira e un longo etc.; algunhas son galegas: Murguía, Vicetto, Garcia de la Riega, Villamil e Castro, López Cuevillas, etc. E moi poucas de carácter local ou comarcal, como Méndez San Julián e García Teijeiro. A eclosión bibliográfica galega é posterior ao tempo de Lanza e, case todos, consultaron o libro do ribadense e fan mención do mesmo, agás un par de desleixados de ámbito mais ben pedáneo.

Interior do Ribadeo Antiguo


    
Segundo me confesou en 1970 Amando Suárez Couto, o libro estivo a piques de malograrse. Nunha conversa que tivera co autor, osmou que o desánimo perante as xestións realizadas para a edición implicaban o risco de desesperación, de tal xeito que coa excusa das ilustracións que preparaba, fíxose co manuscrito, Non me indicou o ano, mais tendo en conta que a conversa se producira na propia imprenta –instalada daquela no número 10 da rúa Rodríguez Murias-, tivo que ser cara mediados do ano 1929. O manuscrito ainda rexistaria algúns engadidos e modificacións, até a sua impresión en Madrid, na imprenta Minerva da que era propieaterio o irmán de Amando, Carlos Suárez Couto. A ambos se debe a súa edición e, ao cabo, resultaron adxudicatarios da dedicatoria. Como dixemos, parte do material, xa fora publicado como colaboración para o Boletin da Real Academia Galega e, mesmo, para o seu periódico “La Comarca”, ás veces baixo o pándego titulo de Antiguallas ribadenses e asinando “E.Feele”, ou sexa F.L.

    A edición orixinal do Ribadeo Antiguo é de 1933 e até 1973 non se reeditou, por parte de Edicións do Castro, á que seguiron novas versións da mesma editorial, mesmo unha impulsada polo Concello de Ribadeo en 1999, ainda que en materia municipal hai un rechamante precedente de 1953: o Consello Local do Movimento solicitalle ao Concello a reedición do libro “Ribadeo antiguo” e a Corporación acorda en abril dese ano facultar ao alcalde para que faga as xestións oportunas, que quedaron en nada.

    Outras publicacións

    O libro Dos mil nombres gallegos é unha edición do Centro Gallego de 1953, de carácter postumo que deixou preparado en marzo de 1950, e cuxa edición foi promovida, e estivo ao cuidado, de Luis Seoane, que lle dedica garimosas frases non só na lapela do volume, senón xa antes na citada carta a Fernández del Riego. Trátase de dúas mil papeletas “sobre historia, biografia, arqueoloxia, literatura, arte, industria, indumentaria e folclore galegos”, segundo el mesmo explica nunha nota preliminar. Realmente é un xeito de precedente da Enciclopedia Galega. Ao contraio que Luis Seoane, Alberto Vilanova fala de “contido deficiente”ainda que louva a súa intención; quizais son os mesmos xuizos que alguén lle apón á sua obra sobre os galegos na Arxentina.

Interior de Falan os de Ribadeo


    
En 1974, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, como homenaxe ao seu epónimo, e edición de quen isto asina, promoveu un volume que baixo o título Falan os de Ribadeo reuniu tres traballos de Lanza: o que dá nome ao libro, seguido de “O ensino en Ribadeo desde o século XVI ao XIX”, ambos publicados pola revista Nós en 1932, e “Ribadeo baixo o señorio dos sus condes” que viu a luz no tomo II dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929 e que foi o traballo preceptivo para o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, entidade na que ingresou proposto por Luis Tobío. Nun libro da nosa autoría, publicado en 2005, documéntase a relación de Francisco Lanza co Seminario e mais coa revista “Nós”

    Ideas e estilo

    Lanza era un home de fortes conviccións republicanas e de raigaña popular e, xa que logo, galeguista. Riscos que quedan patentes na súa produción tanto xornalística como ensaistica. Convén reparar na relación co seu sogro, Celestino Perez Andrade, fundador e director do periódico La Voz del Pueblo, un quincenario que se publicou entre 1910 e 1913 e que se subtitulou “Órgano independiente de defensa social y local”. O carácter liberal e progresista que caracterizou ao semanario por el fundado, La Comarca, tamén o tiña o do seu sogro. Cómpre tamén valorar a súa amizade cos irmáns Suárez Couto e con Anton Villar Ponte, fundador das Irmandades da Fala e activo republicano e galeguista, a quen Lanza lle encargou o prólogo do libro.

    En A Nosa Terra, na súa etapa como Idearium das Irmandades da Fala, aparece en 1928 un artículo seu, titulado “Barcas piadosas”. Xa na sua etapa no exilio dedícalle unha garimosa nota necrolóxica no número 475 de febreiro de 1951. Por ela sabemos que foi soterrado no Cemiterio de La Chacarita e que no acto da inhumación falou Xosé Blanco Amor en nome dos amigos e como voceiro da Irmandade Galega, Avelino Díaz, daquela directivo da mesma. Segundo Benigno Fernández Salgado, experto na traxectoria de Avelino Díaz, era frecuente que este intervira neste tipo de actos e mesmo fíxoo en varias ocasións nos aniversarios do falecimento de Castelao.

    Tanto nos artículos como nos escritos históricos asoma un estilo, por veces retranqueiro e solermiño, pero rara vez renarte.

EDUARDO GUTIERREZ


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *