Onte, nas redes sociais, Xosé Manuel Irimia publicou uns datos interesantes sobre a poboación de Vilalba entre 1999 e 2021. Recólloos facendo algunhas gráficas e comentarios para poder extraer información de xeito máis visual, comparando tamén a poboación vilalbesa con outros datos, e deixo ó final as táboas que publicou.
As dúas primeiras gráficas amosan o ascenso ou descenso porcentual de poboación de cada parroquia dende 1999 a 2021. A diferenza entre elas consiste só en que na primeira a escala está ampliada para ver mellor as liñas, mentres que na segunda a escala comeza en cero, ofrecendo unha visión relativa máis axeitada. As parroquias están ordenadas dende a que máis medrou á que máis descendeu (relativamente en ambos casos):
Así, pode verse que as dúas únicas parroquias que aumentaron poboación son Sancovade e o casco urbano, mentres as dúas que máis poboación perderon relativamente foron Lanzós (S. Salvador) e Gondaísque.
As gráficas anteriores poden poñerse en relación con datos doutras zonas:
Vese neste caso que a porcentaxe de poboación perdida polo concello de Vilalba é semellante á perdida pola provincia, relativamente moito máis que a perdida por Galicia, mentres que España en conxunto gana poboación (grazas á inmigración), aínda que se queda en ganancia porcentual abondo por baixo do mundo en conxunto.
As dúas gráficas seguintes volven referirse á poboación das parroquias, pero desta volta en termos absolutos, para ver a evolución da poboación total entre 1999 e 2021. Exceptuando o casco urbano, Sancovade e Goiriz, o resto quedan amontoadas; unha segunda gráfica na que non figura o casco urbano presenta algo máis de claridade (atención, cambian as cores de cada parroquia dunha á outra!), podendo ver de xeito claro por exemplo que a poboación de Lanzós (s. Martiño) caeu por baixo da de Santaballa, ou que a poboación de Mourence no 2021 pasou a ser maior que a de Corbelle, Carballido, Insua ou Nete, entre outras que no 1999 a superaban. En ambas gráficas, as parroquias están ordenadas de maior a menor poboación en 1999.
Tamén é interesante observar como cambia relativamente a poboación da vila e do campo, o que se ve de xeito abondo acusado nesta gráfica a continuación:
Por iso é natural tamén que os núcleos baleiros aumenten e aumenten…
—
Os datos proporcionados por X.M. Irimia: