Vexo que hai unha nota de prensa do concello sobre a aprobación dos orzamentos. Como anos anteriores, deixo unha pequena gráfica, á que habería que engadir outra a valor do euro constante (é dicir, deflactada), pero para iso hai que esperar a que remate o ano. Polo tanto, polo momento, a gráfica e a nota de prensa do concello máis un pequeno apunte: a inflación este ano é moi posible que quede por riba do 8%.
INCLÚEN A SUBA SALARIAL DO PERSOAL PÚBLICO
Aprobado o orzamento de 2023
29/11/2022
Aprobado o orzamento do Concello ribadense para
2023 que ascende a máis de 10 600 000 euros. O concelleiro de Economía,
Pablo Vizoso, subliña que son uns presupostos equilibrados, que non
incorren en déficit e que reducen o nivel de débeda.
O edil contou que “na tarde de onte celebrouse o pleno
extraordinario no Concello de Ribadeo no que aprobamos os orzamentos
para o vindeiro ano 2023. Trátase duns orzamentos que superan os
10 600 000 euros, que son equilibrados e non incorren en déficit, tal e
como recolle o informe de intervención e experimentan un incremento da
case o 8% con respecto ao exercicio actual, para manter e mellorar o
elevado nivel de actividades e inversións no noso concello: dende
reposición de rúas e camiños, instalacións deportivas, actuacións en
locais sociais, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter
cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao
comercio local e actuacións de protección social que benefician a todo o
pobo de Ribadeo”.
Vizoso Galdo dixo que “tamén inclúen a subida
salarial do persoal público e outra vez máis unha aposta forte pola
inversión, centrada agora na reforma integral do Hospital Asilo e nos
terreos para o novo centro de saúde. Unha inversión á que se suman os
proxectos que se están licitando nestas semanas para iniciar a súa
execución dende primeiros do vindeiro ano, e tamén os convenios que se
asinen con outras administracións”.
O concelleiro de Economía
subliñou que “outra característica destes orzamentos é que se consegue
chegar a estas magnitudes sen subir os impostos e incluso reducindo o
nivel da débeda do Concello, que se situará ao peche deste exercicio no
9,8% e que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que
condicionaban o día a día”.
Pablo Vizoso referiuse á postura do
PP no pleno celebrado onte: “por parte da oposición, concretamente a
concelleira do PP, dedicou a súa intervención a criticarnos por que para
a reforma do Hospital Asilo necesitábamos acudir a un crédito en vez de
empregar outras fontes de financiamento como poden ser os fondos Next
Generation”.
Para o edil ribadense “esta forma de proceder dos
representantes do PP non resulta aceptable, ademais de demostrar que non
teñen claro do que falan e que o seu obxectivo é enredar en enganar aos
veciños de Ribadeo, hai que deixar claro que o Concello non solicitou a
subvención á que se refire o Partido Popular por que non cubría nin a
terceira parte da inversión necesaria senón que acudiu e solicitou outra
axuda con cargo aos fondos Next Generation a través do plan Pirep
estatal (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos) que
sí pode chegar ao 100 % do custe da obra que hai que acometer”.
Vizoso
Galdo explicou que “neste punto tamén aproveitamos para lembrarlle aos
representantes do PP que a quen se bota de menos neste asunto é a Xunta,
que unha vez máis está desaparecida e nin resposta aos requirimentos do
Concello; e que se trata de competencias autonómicas, tanto a de
asistencia social como a de asistencia sanitaria e, polo tanto, debería
ser a Xunta a que financiase a reforma integral do Hospital Asilo.
Mentres tanto, ou si finalmente a achega da Xunta non se produce, por
parte do Concello de Ribadeo e dende xa realizamos a consignación
económica necesaria”.
O concelleiro de Economía engadiu: “en
realidade é unha magoa por que si dende a administración autonómica se
aportasen fondos para este fin ou se increméntase o que aportan ao Fondo
de Cooperación Local, que leva conxelado dende o 2010, poderíanse
dedicar máis recursos para investir noutros ámbitos”.