Respeto Barbón, Ria do Eo, NON
Pancho Campos Dorado
Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.
Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.
O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.
O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.
O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.
Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!
Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!
No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).
Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!
Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.
Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).
Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.
A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.
En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (…) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (…).
En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve…” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.
Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.
Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.
En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias.
No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.