Selo letón homenaxe a Rothko. |
ROTHKO ROTO
Desde neno sempre se sentiu feito anacos por dentro. O expresionismo abstracto dos seus cadros é froito de todos os seus diaños interiores e involuntarios. O seu apelido completo era Rothkowitz e nacera en 1903 nunha cidade do antigo e xa decadente imperio ruso, hoxe pertencente a Letonia. De pícaro falaba ruso e yiddish, xa que os seus proxenitores eran xudeus aínda que non excesivamente practicantes. O seu pai era farmacéutico e decidiu emigrar con toda a familia aos Estados Unidos. Nos anos 20 o Rothko mociño marcha estudar á universidade de Yale, mais abandona axiña para adicarse unicamente á pintura.
En Nova York coñece a Piet Mondrian, quen sería o seu mestre. Fixo pequenas incursións no teatro afeccionado, mais en 1940 racha xa coa pintura figurativa para pasarse primeiro á mitolóxica e despois á surrealista. Dez anos despois xa estaría na abstracción cromática xunto co seu compañeiro Pollock. Casou, divorciouse e arrexuntouse cunha rapaza vinte anos máis nova cando el xa cumprira 53.
Peggy Guggenheim caeu rendida ao seu estilo e promocionouno desde a súa galería/santuario dos expresionistas abstractos. Foi unha época con moitos altos e baixos, con momentos de grande euforia seguidos de outros de profunda depresión, tan negra como os planos cadros profundos do seu amigo Pollock.
A súa evolución artística foi un camiño tortuoso cara a claridade e a clarividencia, con xogos cromáticos e planos lisos que só pretendían acentuar a función comunicativa da pintura máis depurada e absoluta. Co pesado paso dos anos e da vida, os seus lenzos fóronse aos poucos escurecendo e simplificando. As cores rechamantes deron paso a múltiples matices de grises que se achegaban irremediabelmente ao negro total, que é a ausencia de toda cor ou, se se prefire, de toda luz.
A súa depresión vai en aumento e fai que transite cara un certo misticismo espiritualista. É aí cando decide pintar a súa propia capela en Houston, obra que non verá rematada. Nesa época séntese como un antigo pintor renacentista. Péchase no seu obradoiro e adícase teimudamente a pintar delgadas e trementes liñas horizontais como metáfora dun horizonte borroso, afastado e inalcanzábel. Abandonado tempo atrás pola súa amante só lle restan as súas lembranzas, as súas angurias e a súa arte. Entre pinceis e teas, rodeado de pílulas e botellas, levou a cabo o seu derradeiro acto: cortarse as veas.