INFORME DA COMISION EPECIALIZADA DE NOMBRES GEOGRAFICOS (CENG) SOBRE A RIA DE RIBADEO
A mediados de outubro o Instituto Geográfico Nacional remitiunos o
último informe da CENG sobre este asunto. En La Comarca del Eo do día
22 (Ribadeando 19 de outubro) publícase un extenso artigo de Pancho Campos ao que non temos nada
que engadir dende o punto de vista informativo.
Debe suliñarse que o informe da CENG non é unha resolución
administrativa. A CENG é unha comisión asesora do IGN e os seus informes
son preceptivos, pero as resolucións definitivas son competencia
exclusiva da D.G. do IGN. A D.G. do IGN deixou en suspenso
a sua anterior resolución o día 25.5.22 diante dos recursos de alzada
presentados pola Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, a Plataforma
de Mariños de Ribadeo e outros e solicitou un novo informe motivado da
CENG previo á nova resolución administrativa
que deberá ditar cando proceda. En síntese, a decisión do IGN aínda
está no aire e, como veremos mais adiante, é moi importante ter claro o
procedemento administrativo para
entender o
papel que xogan (xogamos) os distintos actores de este proceso. Na fase
actual os recurrentes fomos convocados a presentar “documentos y
justificaciones” fronte ao informe da CENG, cousa que fixemos
dentro do prazo legal de 10 días. O noso escrito
está colgado na páxina web de Antonio Gregorio “Ribadeando”.
Aquí ímonos referir a dous aspectos concretos do informe da CENG
que poden dar unha visión mais completa de por onde van os tiros.
No parágrafo cuarto da segunda páxina pode lerse o seguinte:
“…
el hecho de que el topónimo “Ría del Eo” aparezca registrado en
documentos de carácter oficial, al menos desde 1871, constata un uso
extendido de este nombre ya en el siglo XIX, lo cual es muestra
de una tradición en absoluto reciente.”
Deixando claro que non se trata de “documentos” senón dun único
documento, a nosa opinión é que este achádego só demostra que unha
persoa o escribiu no seu día pero de aí non se desprende que tivese un
“uso estendido”nen moito menos. Calquera pode entender que se existen outros
materiais historiográficos que acrediten o suposto “uso estendido” que
presume a CENG debería citalos ou dar algunha referencia orientativa que
permita contrastalos, pero afirmar que polo arte
de birlibirlo un
só documento “constata un uso extendido de ese nombre” non deixa de
ser unha afirmación gratuíta incomprensibel. Na nosa percura de mapas e
documentos que xa publicamos, atopamos cinco escritos
do século XIX onde aparece a denominación “ría del Eo”. En ningún deles figura con carácter nominativo. En catro aparece en primeiro lugar a
denominación “Ría de Ribadeo” sempre mais resaltada. En un deles,
encabezado pola “Ría de Ribadeo”
figura un
texto descritivo onde pode lerse “ría de Castropol” e “ría del Eo” e so
atopamos un documento onde aparece exclusivamente a denominación “ría
del Eo” (Recuerdos y Bellezas de España. Parcerisa. 1855)
onde di “Castropol, villa asentada en la ancha ría del Eo”. Engadir que non atopamos ningún
mapa ou
carta mariña do século XIX nin anteriores onde figure a “Ría del Eo”.
Todos estes datos foron remitidos ao IGN nos nosos informes e recursos e
están publicados en La Comarca del Eo e no blog Ribadeando.
En resume, a CENG atopou un documento oficial de 1871 onde
aparece a denominación “Ría del Eo” e de ahí saca a conclusión de que
ese topónimo estaba estendido naquel tempo.
O segundo punto que desexamos comentar atópase na segunda páxina, párrafo 5º do informe da CENG onde di:
“el topónimo “Ría del Eo”ha adquirido un carácter tradicional y un uso incluso mayoritario en la margen asturiana de la Ría”.
O que queremos discutir desta afirmación non é a opinión, sempre
respectable no plano persoal, que cadaquén poida ter desta cuestión,
senón o feito de que en un informe con pretensións de rigor científico,
non se pode – on no se debe – verquer opinións
personais que non están contrastadas con estudos sociolóxicos
rigorosos, so pena de poñer en ridículo á institución que se
representa.
Para explicar de onde ven o mantra do uso maioritario da
denominación “Ría del Eo” na bisbarra oriental de Asturias temos que
remontarnos ao ano 2006. No mes de marzo de ese ano o goberno do
Principado de Asturias comezou a dar os pasos para “poñer en
valor” político o tópico da Ría del Eo. Así pois o día 6 de Abril
acudiu a Vegadeo D. Carlos Madera, Director Xeral de Cultura, para
anunciar a creación de unha comisión de “expertos” que estudiarían cal
era o nome correcto da ría, si “del Eo” o “de Ribadeo”.
Ao mesmo tempo xa se decantaba sen ambaxes, e declaraba que o nome
correcto era “del Eo”; ou sexa a sentenza xa estaba ditada antes de
comezar o xuizo (para escépticos están as hemerotecas). Constituída a
comisión de “expertos” os seus traballos foron publicados
pola Consellería de Cultura en maio de 2007 nun folleto de 57 páxinas
que leva por título “Ría del Eo. Informe y conclusiois” (en galego de
Asturias). Nese folleto aparecen tres artigos con pretensión de enquisas
que non son senón 87 entrevistas persoais a
veciños de algúns concellos da
bisbarra galaica asturiana (0,11 % de 70 000 hab) das que se tira a
conclusión de que a denominación “Ría del Eo” é maioritaria no occidente
de Asturias. De aí nace este mantra
que agora recolle a CENG sen contrastar a súa procedencia, nin aportar
ningún dato obxectivo que o acredite. En realidade as supostas enquisas
no son tales, nin a poboación foi estratificada, nin se fixeron unas
preguntas concretas e sinxelas por escrito,
nin se garantiu o dereito á intimidade, en fin calquera semellanza con
unha metodoloxía de enquisa obxectiva foi pura casualidade. As supostas
enquisas só foron entrevistas a persoas elixidas arbitrariamente polos
entrevistadores que non son representativas
e que nin tan sequera tiñan a opción “non
sabe non contesta”. As conclusións publicáronse nas correspondentes
xornadas culturais e nos medios quedou a mensaxe de que tras un estudo
de un grupo de “expertos” estaba
demostrado que no occidente de Asturias etc. etc. En realidade unha
lectura polo miúdo dos tres artigos devanditos demostra que nin tan
sequera con este método tan peregrino se acadaron as conclusións que se
pretendía, porque a maioría dos entrevistados respostan
todo tipo de variantes e transmiten tantas dúbidas que non hai
posibilidade real de sacar ningun resultado. Pero o Sr. Director Xeral
de Cultura xa sabía un ano antes cal era o nome “correcto” da ría. Folga
suliñar que estes antecedentes foron explicados nos
nosos informes á CENG e ao IGN.
En resume, non hai ningún estudo sociolóxico medianamente serio
que acredite a declaración da CENG de que o uso da denominación “Ría del
Eo” é maioritario na poboación do occidente de Asturias.
Por dicilo en poucas palabras, entendemos que o informe da CENG
carece da motivación requirida pola Dirección Xeral do Instituto
Geográfico Nacional e, como se pode comprobar, estas afirmacións que
serven de base á sua proposta de legalizar a denominación
“Ría del Eo” non teñen ningún soporte documental.
Ribadeo 2 de Novembro de 2022