Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A NACIÓN DORMIDA. Pancho Campos Dorado


A NACIÓN DORMIDA


Pancho Campos Dorado

Recibimos o pasado venres 14 de outubro, na Plataforma de Mariños de Ribadeo, un escrito [sete follas] do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agencia Urbana, onde nos remiten un outro informe da Comisión Especializada de Nombres Geográficos (CENG) sobre a denominación da Ría formada na desembocadura do río Eo, en cumprimento da resolución do 25 de maio de 2022. Pola mesma nos informan que segundo artigo 82 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común de Administracións Públicas, ábrese trámite de audiencia para presentar documentos e xustificacións que se estimen pertinentes nun prazo de 10 días. Esta primeira folla está firmada dixitalmente polo Director Xeneral D. Lorenzo García Asensio.


[2ª folla] INFORME da CENG sobre a denominación da ría formada na desembocadura do Eo, na que se fai un resumo dos antecedentes previos, en cuxo punto terceiro, cítase que, con data de 6 outubro de 2021, a presidenta da CENG remitiu informe da votación realizada entre os membros da CENG e o seu Grupo de Traballo na que “se decidiu por maioría manter a denominación Ría de Ribadeo como identificador xeográfico e ademais considerar o topónimo Ria del Eo con carácter alternativo, e dicir, oficial ao mesmo nivel que o identificador xeográfico”.


Punto cuarto, con data do 29 de outubro 2021, a DGIGN, resolveu o procedemento polo que se establecían estas denominacións oficiais da ría.


Punto quinto, fronte á citada Resolución presentaron recursos de alzada a Deputación Provincial de Lugo, a Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, A Xunta de Galiza, o Concello de Ribadeo e a Plataforma de Mariños de Ribadeo.


Punto sexto, con data de 25 maio 2022, a Subsecretaría de Transportes, Movilidade e Axencia Urbana, resolveu: “ESTIMAR PARCIALMENTE os recursos interpostos polas entidades relacionadas no encabezamento da presente resolución [as anteriormente citadas] contra a resolución do 29 outubro 2021, a Dirección General do Instituto Geográfico Nacional (DGIGN) solicita de novo á CENG, informe preceptivo establecido no artigo 24.3 do R.D. 1545/2007, de 23 novembro, polo que se regula o Sistema Cartográfico Nacional.


Por todo o exposto, esta Comisión Especializada emite o seguinte:


[3ª folla] INFORME. Recibida por esta Comisión Especializada…[todo o anterior].


As posíbeis solucións existentes para establecer a denominación oficial da ría son: 1) manter un único identificador xeográfico; 2) incluír, ademais, un nome alternativo [a aquel] co mesmo nivel de oficialidade e uso que o identificador xeográfico: 3) a inclusión ademais dun nome variante [de uso menor e restrinxido no espazo]. Por outra parte, tamén é fundamental establecer a orde en que deben rotularse as denominacións Ría de Ribadeo e Ría do Eo, unha vez determinada a denominación oficial adoptada para o topónimo.


Do estudo da documentación aportada… QUEDA CLARA A MAIOR ANTIGÜIDADE E PREVALENCIA DA DENOMINACIÓN DE RÍA DE RIBADEO SOBRE CALQUERA OUTRA, POLO QUE SEN DÚBIDA, ÉSTA DEBE PERMANECER COMO IDENTIFICADOR XEOGRÁFICO DA RÍA. Pero, ademais, “existen diversos documentos que recogen la existencia de la denominación Ría del Eo desde hace 150 años, así como testimonios que demuestran el uso extendido de este topónimo entre la población de la margen oriental de la ría”.


Iso último non é verdade, simplemente porque a xente erudita da marxe dereita ou oriental da Ría de Ribadeo, son testemuña de que os seus maiores, sempre lle chamaron Ría de Ribadeo, pois é a forma historicamente correcta. Poden verse varios artigos neste semanario La Comarca del Eo de D. Alberto Mediavilla da década dos oitenta do século XX e de outros autores, como D. Gonzalo Anes (ABC, e na sección Tribuna de La Nueva España, 20 agosto 2002) ou mesmamente os anuncios de Asteleiros Gondán do que mostramos un de 1948.

Continúa dicindo o informe. No ano 2008, esta Comisión Especializada aprobou engadir o topónimo Ría do Eo como nome variante de uso restrinxido, dentro do nomenclátor Geográfico Conciso de España, único existente naquel momento, e no que non existía a opción técnica de incluír un nome alternativo.


Isto é mentira. O 13 de marzo de 2008, asinaba Dª. Margarita Azcárate Luxán, Secretaria General da Comisión Especializada de Nombres Geográficos o seguinte informe: “La Real Sociedad Geográfica sostiene con contundencia que el único nombre que debe otorgarse a la citada ría es el de Ría de Ribadeo”…Por tanto, considerando que la denominación Ría de Ribadeo está generalizada en toda la cartografía hidrográfica, topográfica, atlas y publicaciones geográficas de carácter científico, a nivel mundial, no hay ninguna razón para que se cambie esa denominación por la Ría del Eo que, como queda demostrado, es un topónimo creado recientemente y erróneo…”.


Qué se pode esperar dunha “Comisión Especializada” que amaña os informes que emite? Seguimos coas falcatruadas emitidas.


A continuación explícannos como foi que chegou a ridícula e vulgar denominación da Ría do Eo ao nomenclátor. No ano 2013, coa publicación do Nomenclátor Xeográfico Básico de España, modificouse o modelo de datos para dar cabida a todas as realidades xeográficas e topónimos do Estado plurilingüe que é España. Así, a un obxecto xeográfico se lle permite desde entonces estar recollido no nomenclátor con máis dunha denominación e en máis dun idioma. “Es en este nuevo contexto en el que se ha producido la iniciación del procedimiento administrativo para la determinación del nombre oficial de la ría en la que desemboca el río Eo”.


Ou sexa que, porque cambiaron o software das publicacións do nomenclátor no ano 2013, se saltaron a resolución do 13 de marzo de 2008, e fixeron o que lles veu en gana. Guapos, si señor! E non pasa nada, a administración da Galiza está durmindo!


Continúan dicindo que, como resultado do estudo da documentación aportada e o cambio “en el modelo de datos” esta Comisión Especializada considera as posibles fórmulas a utilizar para a denominación que forma la ría en la desembocadura del río Eo, e enumera catro: 

A.) Identificador xeográfico e nome alternativo: Ría de Ribadeo // Ría del Eo. 

B.) Identificador xeográfico e nome alternativo: Ría del Eo // Ría de Ribadeo. Neste punto xa vemos outra das tantas falcatruadas deste informe, pois pon como identificador xeográfico a Ría do Eo, cando nun paragrafo anterior, dicíase explicitamente “QUEDA CLARA A MAIOR ANTIGÜIDADE E PREVALENCIA DA DENOMINACIÓN DE RÍA DE RIBADEO SOBRE CALQUERA OUTRA, POLO QUE SEN DÚBIDA, ÉSTA DEBE PERMANECER COMO IDENTIFICADOR XEOGRÁFICO DA RÍA”.


C.) Identificador xeográfico e nome variante: Ría de Ribadeo // Ría del Eo


D.) Identificador xeográfico e nome variante: Ría del Eo // Ría de Ribadeo


E.) Único identificador xeográfico: Ría de Ribadeo


F.) Único identificador xeográfico: Ría del Eo


Ou sexa, escollas o que escollas, excepto na opción (E) en tódalas fórmulas, entra a formar parte do nomenclátor oficial español a denominación Ría do Eo. Hai que ter trágalas para aceptar a esta comisión de “expertos”, cando se contradín eles mesmos unha e outra vez, posto “que sen dúbida, Ría de Ribadeo, pola maior antigüidade debe permanecer como Identificador Xeográfico da Ría”.


[4ª folla] Din que, “Estudiada la documentación reunida en el procedimiento y teniendo en cuenta lo seguinte”: 1) El topónimo Ría de Ribadeo es anterior en el tiempo y tiene una mayor difusión a nivel suprarregional e internacional”.


Por suposto, e a Plataforma en Defensa da Ría de Ribadeo, presentou unha enorme cantidade de documentación literaria e de mapas xeográficos coas denominacións propias de terras e mares, que comezan no século XVI coa obra do 1550 “Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del”, do Licenciado Molina, canónigo da Catedral de Mondoñedo, e outros, nada menos que 11 515 documentos máis, que chegan até os nosos días. O Goberno do Principado presentou un documento de “lindes de terras” dun notario de Castropol de 1871. Así de “igual cantidade de documentación” foi presentada ao estudio pola “comisión de expertos”!


2) “El topónimo Ría del Eo está recogido en documentos oficiales desde, al menos, 1871”. “Documentos de 1871”?. Este apartado é outra das terxiversacións que fai a “Comisión de Expertos” da denominación da Ría, posto que, Ría do Eo, non é un topónimo xeográfico. Na [5ª folla] D. Ayar Rodríguez de Castro, vocal desta CENG, explícao exhaustivamente, “no ha lugar al cambio de denominación considerando que una ría constituye una entidad geográfica resultado de una elevación del mar con respecto a la tierra debida al “cambio eustático del nivel del mar” (Real Sociedad Geográfica, RSG 2007) y que en ningún caso está vinculada, en su origen, a la red hidrográfica terrestre. De este modo, se entiende que una ría no puede estar adscrita, en ningún caso, a un río que desemboque en ella. En este sentido, desde un punto de vista semántico, no resulta geograficamente apropiado denominar a una ría con la referencia de un río que desemboque en ella (de hecho, en cualquier ría puede desembocar más de un río, lo cual sucede con frecuencia). Lo habitual en una abrumadora mayoría de casos es que la ría se denomine con el nombre de un núcleo de población referencial asentado en sus márgenes (Ría de Navia, no del Navia, Ría de Arosa, no del Tambre, etc.). Bajo esta consideración, “Ría del Eo” no es un topónimo semántica y geograficamente adecuado, de modo que, atendiendo a la larga tradición histórica de un topónimo geograficamente pertinente como sería “Ría de Ribadeo” (…)


Ou sexa, a denominación Ría do Eo, na Linguaxe, na Xeografía e en román paladino é unha gilipollez.


Pero, aquí vemos tamén a parcialidade deste comisionado pois, di que “atendendo a unha solución de consenso e as consideracións reflectidas na proposta do informe recibido (que informe recibeu?), entendemos tamén razoable a posibilidade de considerar Ría do Eo como “nome variante”… de cara a ter en conta as “sensibilidades” en torno a este caso concreto. Ou sexa, non ten razón de ser tal denominación pero por non ferir “sensibilidades” avalan a causa do Principado aínda que non teña ningunha razón… Estamos apañados; pero vostedes que tipo de Comisión de Expertos son, si teñen que resolver un problema técnico e se basean na “sensibilidade” e non pola técnica documental? Menuda cuadrilla.


3) “Se ha constatado la utilización de ambas formas con predominio de una u otra según el lado de la Ría en que se encuentre la población. Si, certo, uns sabendo o que din e outros dicindo o que lles ven en gana.


4) “Naciones Unidas, aún reconociendo que lo ideal es la asignación de un único topónimo normalizado a cada entidad geográfica considera que, en algunos casos donde resulte dificil asignar un único topónimo, especialmente en zonas multilingües, se pueden escoger como topónimos oficiales con el mismo rango dos o más nombres”.


A “Comisión de Expertos” interpreta esta disposición da ONU de xeito interesado, sen lugar a dúbidas, e din a continuación dunha parrafada sobre a resolución IX/4 da Novena Conferencia da ONU que, “En este sentido, al topónimo Ría del Eo se le debe reconocer un carácter oficial al nivel que le corresponde sin menoscabar por ello el uso de la forma Ría de Ribadeo como la más antigua y extendida”. Por todo lo expuesto, esta Comisión Especializada de Nombres Geográficos ha ACORDADO recomendar por mayoría la opción A de las enumeradas anteriormente, es decir: *Que se mantenga la denominación Ría de Ribadeo como identificador geográfico. **Que se considere el topónimo Ría del Eo con caracter alternativo, es decir, oficial al msmo nivel que el nombre preferente”.


Aquí vemos unha vez máis, a mala fé desta resolución. A interpretación da norma da ONU é interesada e partidista por parte da “Comisión de Expertos”, pois a norma di que se traducirá o topónimo as distintas linguas limítrofes, neste caso ao galego da Galiza, Ría de Ribadeo, e o galego occidental de Asturias, Ría de Ribadeu, como Oviedo e Ovieu, a norma non di nada sobre cambiar radicalmente o topónimo. Iso solo ocorre nos mapas ingleses coas illas Malvinas, Falkland Islands, ou co Canal da Mancha, English Chanel, produto da antiga rivalidade entre dous imperios.


Para non alargarme máis nesta falcatruada administrativa, deixemos constancia dos membros do Grupo de Traballo da “Comisión de Expertos”: Alberto González Monsalve e José Miguel Maestre García, en representación da Xunta de Castela e León (terras onde hai “incontables” rías); Alicia Padilla Gómez, en representación do Instituto Nacional de Estadística (que relación ten isto co tema a tratar); Asunción González Torrado, en representación da Xunta de Estremadura (si levantara a cabeza Hernán Cortés, íalle contar quen puxo o nome as rías e os accidentes costeiros); Angélica Castaño Suárez, en representación del Instituto Geográfico Nacional (señora, como a involucraron a firmar isto?) e María Teresa Mollá Villaplana, en representación da Academia Valenciana da Llengua (interesante o dialecto valencíá do idioma catalán).


Como xa dixemos, D. Ayar Rodríguez de Castro, non asinou o mamotreto e emitiu Voto Particular, coas notas antes relatadas. No caso de Vicente Feijoo Ares, fai observacións particulares, entre elas que Ría del Eo é un criterio que non vale para Galicia (pois sería en todo caso Ría do Eo) mentres que Ría de Ribadeo vale para todos (no comment). Mirari Alberti Aguirre, fai observacións particulares en representación do Goberno Vasco indicando que é partidaria da opción “C”, identificador xeográfico e nome variante: Ría de Ribadeo/ Ría del Eo… e a continuación di que “entiendo la reivindicación de la denominación Ría do Eo por parte do Principado de Asturias, pero sinceramente, considero que el argumento de la “tradición en absoluto reciente” y el “caracter tradicional” que ha adquirido el nombre no está suficientemente claro”. Grazas pola súa achega, pero gustaríanos saber que é o que entende Dª Mirari desta “reivindicación” do Goberno do Principado? O verbo reivindicar significa, “pedir por dereito algo do que foi un desposuído”. Desde cando se pode desposuír a alguén de algo que nunca, nunca tivo?


Por último, Mikel Gorrotxategui, membro do grupo de traballo da CENG da academia da Lingua Vasca/ Euskaltzaindia, reafirma tamén o voto pola opción “C” alegando que “es obvio que el propio nombre de Ribadeo hace referencia al Eo, pero no creo que la documentación aportada pueda equiparar ambos nombres”. Menos mal, algo e algo!


Asínase o documento en Valladolid por parte da presidenta da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, Maria Pardo Álvarez.


Resumindo, a opción “E” único identificador xeográfico: Ría de Ribadeo, como dicía “contundentemente” o Informe de 2008, nono optou ninguén destes “expertos”. Quizais este tipo de continuas zarapalladas de “comisións de expertos españois” sexan un bo xermolo para espertar á Nación Galega durmida, e que os galegos empecemos a loitar como patriotas dunha puñeteira vez polos nosos dereitos e deixemos o maldito camiño da emigración, que tantas veces usamos como vía de escape para non ver tanta ignominia miserable na que está sumida a Nosa Terra, e logo éntranos a morriña, qué vos parece?


Espero que os nosos Historiadores Galegos (con maiúscula) nos sigan deleitando coas súas obras e artigos de investigación documental sobre o antiquísimo Reino de Galiza e nos metan de novo o orgullo de ser galegos, e tiren por terra tanta historia inventada para empoleirar a individuos totalmente ineptos para os cargos, pero que teñen un bo “estómago de sacrificio”. Pero iso é outra historia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *