Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Entre capitais de provincia. Pablo Mosquera


 

Entre capitais de provincia


Os da Mariña. Os habitantes da antiga Diócese de Britonia fundada por Maeloc en San Martiño. Os habitantes galegos da costa cantábrica. Non somos lugueses e menos aínda lucenses. Somos por vocación histórica e por costumes, mindonienses.


Xa sei que Javier de Burgos, Ministro Xeral do Reino que dirixe María Cristina de Borbón, conseguiu esa reforma “racionalizadora” que deu lugar á nova división territorial de España en 1833 -49 provincias, 15 rexións- En tal cambio, os habitantes da provincia de Mondoñedo pasamos a ser gobernados como provincia de Lugo. Os habitantes do Concello de San Ciprián volveron ser habitantes do Concello de Cervo coas parroquias de Santa María de Lieiro, Castelo, Sargadelos, Rúa, San Román, Cervo, Burela.


Cando chega outubro atópome nunha encrucillada. Festas do San Froilán e Feiras das San Lucas. Sen dubidalo opto por estas. Teñen máis historia, ata o polbo é mellor, e o escenario das fermosas rúas mindonienses é máxico para min, e moito máis cando vexo como as follas do outono na Alameda dos Remedios se moven pola rúa do Obispo Sarmiento e ao chegar á altura da docería do Val de Brea, fronte ao Peto de Ánimas, polo encanto do son enviado pola Paula e a Ronda, transfórmanse en finas láminas de ouro camiño da Catedral onde está Álvaro Cunqueiro presente, seguramente inventando novas aventuras para Sinbad.


Nos anos cincuenta tivemos que ir á cidade das Murallas, estudar bacharelato ou facernos mestres. Aquela “cidade cultural” acollía a mocidade das rexións do interior ou da costa. Percorría aquel Lugo con invernos duros, dende a rúa San Froilán onde estaba o Bar “Cotá”, as prácticas de Valdecantos e o escaparate dende o que “Tirimbola” saudaba á súa maneira. Despois pola Rúa Nova con casas en ruínas pegadas á muralla, ata chegar á Praza do Campo, saudar a catedral, mestura de moitos estilos pero coa exposición permanente do Santísimo Sacramento e finalmente acadar a onda de mozos que marchaban axiña por Obispo Aguirre camiño dos Institutos e da Normal.


Dende o meu San Cirpián, e tal día coma despois de Pilar, collemos aquel pintoresco “Manoliño” de Fazouro -Manuel Rodríguez, Florencio e Pepe- que facía unha parada moi especial en Mondoñedo. A cidade, rica en augas, pan e latín, permitiu que centos de estudantes puidesen ver a Santa Catalina e aínda seguían soando os acordes do último desfile que Pallarego e a súa banda realizaran o Día da Hispanidade.


Os meus recordos xuvenís renóvanse cada vez que vou a unha das dúas capitais. Lugo foron as clases de don Germán Alonso, don Froilán, don Delio Mendaña e sobre todo don Jesús Alonso Montero. Mondoñedo foi imaxinar os fabulosos personaxes de Álvaro Cunqueiro, a raíña de Xenebra das tortas de améndoas. A familia de Manolo Calvo -Manolito de Remigia- na sede do INP.


Hoxe Lugo é moito máis que ese “Cinco Vigas” e Mondoñedo o barrio dos Muiños co meu amigo Pepe diante da súa taberna “O Valeco”. Lugo é a capital administrativa dunha soa provincia. Mondoñedo é a nosa capital da alma mariñá que visita o vello Campo Santo para escoitar as melodías de Pascual Veiga e xurar de novo que Galicia durará mil primaveras máis…

Pablo Mosquera


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *