BIBLIOTECA-CONFESIONARIO
Desde hai xa anos, unha bibliotecaria dunha pequena vila sueca tivo a idea de reunir, durante unha hora (ao xeito das ceas amorosas ou desastrosas de “First dates” ou das feitas ao chou ou ás apalpadelas nalgún restaurante mariñán), persoas descoñecidas pensando que, como o roce fai o cariño (pero tamén todo o contrario), poderían compartir inquedanzas e desfacer tabús, estereotipos e clixés.
Xa dixera Einstein que era máis doado desintegrar un átomo que un prexuízo polo que sería bo que cundise o exemplo, pois non andamos moi sobrados de empatía nin de respecto. Así, un podería falar amigabelmente cun discapacitado físico ou intelectual, cun individuo de conviccións relixiosas ou ideas políticas opostas, cun pobre ou cun millonario, con alguén doutra raza ou orientación sexual, cun delincuente arrepentido (ou non), cunha vítima dalgún delicto e mesmo co demo se por alí pasara recoller un libro. O inferno para Sartre eran sempre os demais pero, se cadra, somos nós o inferno mesmo.
Nestes tempos de sobreinformación nos que só manexamos datos (sen saber interpretalos) e as tecnoloxías nos achegan aos que están lonxe pero nos illan dos que temos perto, convennos convencernos de que non odiamos tanto por pura e dura maldade como por simple distanciamento co alleo. Crémolo?