TORRE DE OS MORENO
O día sete deste mes a páxina web do Concello de Ribadeo publica unha nota sobre un proxecto de obras na Torre dos Moreno.
De acordo con esta fonte informativa deuse “licenza de obra para a intervención estrutural, reparación de cuberta e fachadas” e “agora a empresa propietaria da maioría do edificio xa pode empezar cando o desexe as obras de rehabilitación deste edificio icónico de Ribadeo”.
Según se desprende do texto trátase duns pequenos retoques e non existe un proxecto integral de restauración, non hai data de comezo das obras que queda ao albur dos propietarios (“xa pode empezar cando o desexe”, mais claro auga), non se coñece o investimento económico e non hai data de remate nen sequera aproximada.
Se temos en conta que segue sen publicarse o convenio asinado en 2019 entre o concello e a empresa (sic) propietaria da maioría do edificio, decatarémonos de que o Sr. alcalde ten un interese especial en disimular as condicións do devandito convenio. Resulta obvio que se o convenio estipulase unas condicións que comprometesen en firme aos propietarios a chegar a unha solución real do problema nun prazo razonable o concello sería o primeiro interesado en anuncialo.
Pola outra banda a empresa (sic) tardou doce anos en restaurar o Pazo de Trenor nas Figueiras, que tiña unhas condicións moitísimo mais favorabeis que a Torre de os Moreno. Mesmo leva dende 2014 actuando no edificio de Os Perecitos sen que se saiba para cando se pensa rematar.
Con estes alicerces hai que ser moi optimista para crer que realmente estamos diante dun proxecto de restauración da Torre dos Moreno e non de outro bluf electoral. Quedamos na agarda do que veña.
Nota: Evaristo Lombardero ten falado do mesmo tema na radio en días anteriores.