Estes días os medios están poñendo no candeleiro a nova sobre a situación da illa Pancha, a conta non śo da súa obrigada apertura senón tamén pola confrontación feita pública entre a concesionaria, Eirobra A Mariña S.L., e o concello de Ribadeo por medio do seu representante, o alcalde. Atrás quedan sete anos de actividade de Por Nuestro Faro en defensa da illa para a comunidade, movida pero acalada ou invisibilizada moitas veces -non sempre- polos medios e o concello.
Aproveitando o balbordo destes días, deixo abaixo a última nota de prensa do concello en relación ó tema, non sen antes facer algún pequeno comentario aclaratorio á situación.
No comunicado de Eirobra publicado na Comarca aparece un ‘acordo’ entre dita entidade e a Autoridade Portuaria. De dito acordo non se sabe máis que iso: a afirmación de que o hai. Coido que o lóxico sería a súa difusión integral, para saber que pasa. Pero, mentres, se se revisa o escrito da A.P. ó Concello de Ribadeo, de 4 de agosto, difundida por este xunto cunha nota de prensa o día 5 de agosto, non se fala de ‘acordo’ co concesionario, senón de algo ben diferente, a ‘emisión dun requerimento’. É dicir, non se trataría dun ‘acordo acadado mercede á boa vontade e bo facer tanto da administración titular como da entidade concesionaria’ do que se fala no comunicado de Eirobra como dunha orde administrativa reclamando o cumprimento do concesionario, segundo a A.P.
Por outra banda, a comunicación citada da Autoridade Portuaria ven acompañada dun plano que calquera que se achegue á illa a día de hoxe, ou que mire algunhas das fotos publicadas estes días pode ver que non se corresponde coa delimitación que hai instalada na illa.
O que ten transcendido estes días corresponde só a un dos aspectos que Por Nuestro Faro leva difundido dende hai sete anos, non tendo que ver con cousas tan fundamentais como a existencia dunha foxa séptica non legalizada.
Por último, en todo este asunto lévanse asumido feitos que non sempre teñen por que ser reais nos termos asumidos. Poñamos por caso, a titularidade a illa, que se asume que corresponde á Autoridade Portuaria. Coido que é claro que iso significa que o titular suposto sería o estado, aínda que a xestión fora levada a cabo por unha entidade creada polo goberno. Significa iso que no ano de construción do vello faro, aló hai 150 anos, a illa xa era do Estado? Ou é que foi cedido un terreo para o uso como faro, por poñer unha alternativa? Os efectos son ben diferentes, pois neste segundo caso, cesando o uso como faro tamén tería cesado a cesión e o terreo retrotraído á entidade correspondente ou a súa herdeira. Esperemos algún día ter aclarado extremos deste tipo.
A BRIGADA DE OBRAS RETIROU HOXE VARIOS CARTEIS NA ILLA
Escrito á Autoridade Portuaria
12/08/2022
Na comunicación ponse de manifesto que os informes de control realizados pola Policía Local nos días de onte e hoxe, 11 e 12 de agosto de 2022, constatan a nula vontade do concesionario Eirobra A Mariña SL, de cumprir coa sentencia que permite o acceso pública á Illa Pancha e mais ás instrucións recibidas desa Autoridade Portuaria que foron acordadas co Concello de Ribadeo días atrás.
O rexedor advirte que “á vista dos acontecementos e co fin de non incorrer en pasividade administrativa, por parte das autoridades competentes (Autoridade Portuaria e Concello) cada un dentro da súa parcela administrativa e responsabilidade, que poden chegar a supor unha prevaricación por acción ou omisión penada no código penal”.
A Alcaldía de Ribadeo resérvase o dereito, “para o caso de continuar o concesionario na actitude indicada” de dar conta á Fiscalía por desobediencia á autoridade.