Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Illa Pancha. Novidades de hoxe


Detalle no momento no que se remove a placa de acceso prohibido posta polo concesionario.

     Dende a AVV Por Nuestro Faro remitiremos hoxe mesmo un comunicado sobre o recoñecemento feito á nosa postura sobre a illa Pancha pola Autoridade Porutaria. Mentres, deixo aquí a nota de prensa do concello, que implica algunhas cousas que non aparecen nos medios, xunto co comunicado da Autoridade Portuaria e un plano que anexaba:

O CONCESIONARIO FOI MULTADO NOS ÚLTIMOS DÍAS


Acceso á Illa Pancha


05/08/2022


O alcalde, Fernando Suárez, celebra que a
Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao se comprometa a garantir o acceso
libre e público á Illa Pancha. Algúns turistas xa puideron acceder este
mediodía, ao igual que o rexedor e os concelleiros de Turismo e Medio
Rural, Pablo Vizoso e Marcos Villamil. A Brigada de Obras municipal
retirou o cartel que prohibía o paso a esa zona.

Suárez Barcia lembrou que “hai poucos meses o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia resolveu de xeito claro que o acceso á Illa Pancha
debía ser libre e público con independencia da xestión que poida facer a
actividade privada que nunha pequena parte da illa concesionou o Estado
a través da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Con isto quedaba
resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a
actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo
este proceso”. 

O alcalde dixo que “lamentablemente desde o
Concello fomos advertindo que neste caso as normas e as sentenzas que as
avalaron seguían sen cumprirse ou só se cumprían cando o concesionario o
tiña a ben. De aí que nestas últimas semanas ordenóuselle á Policía
Local que fixera periódica e aleatoriamente controis para saber se o
acceso público quedaba garantido. O resultado de todo este control
obrigou ao Concello a impoñer senllas multas coercitivas consecutivas ao
titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non
argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na
necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir
o acceso público”.

Fernando Suárez seguiu a relatar que “foi
neste momento, é dicir, hai unha semana, cando finalmente a Autoridade
Portuaria, xorda e cega durante anos, contactou co Concello a través dos
seus equipos xurídicos para dalgún xeito desculpar a súa desatención
durante todo este tempo e garantir de que de maneira inmediata e de aquí
en diante a situación ía cambiar radicalmente e para sempre”.

O
rexedor subliñou que “desde o Concello celebramos que sexa así e
celebramos igualmente que a Autoridade Portuaria se comprometa por ela
mesma a tomar as medidas necesarias sen recorrer ao seu concesionario,
máis que de xeito pautado e transitorio dunhas poucas semanas e mentres
non se implementan os sistemas técnicos comprometidos”.

Fernando
Suárez engadiu que “desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como
sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o
Estado poida concesionar nesta illa da súa responsabilidade,
apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros
espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral de Galicia e do
Estado. O que sempre rexeitamos foi que un concesionario duns 500m2 se
apropiase de facto e para o seu interese dos 12.000m2 da superficie de
toda a illa”.

O alcalde agarda que “a palabra dada se cumpra,
porque se non, tal e como tiñamos previsto de non acceder ao último
requirimento ordenado hai poucos días, o Concello procedería sen máis
dilación a retirar coa Brigada Municipal de Obras a porta de acceso á
Illa Pancha. Alegrámonos que isto non tivera que ser así, pois a nosa
Brigada Municipal ten abondo traballo que realizar sen ter que destinar
estes recursos a poñer xustiza con concesionarios obtusos e con
Administracións que durante anos foron xordas e mudas”.


 



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *