Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

En cristiano!


 

En cristiano!

    É indiferente ser católico ou ateo. Quen non se atopou algunha vez (ou fixo que outra persoa se atopara) con iso de ‘en cristiano!’ para referirse a que fale na lingua ‘cristiana’, asimilándoa ó castelán, como se non falar castelán significara ser ‘infiel’ a algo, a unha idea, a unha crenza, a un vínculo?

    Nunha situación onde a non ser que sexas habitual, en calquera comercio ou establecemento hostaleiro diríxense a ti por defecto na lingua de Castela, é natural que a proposta de uso de linguas minorizadas atope ‘dificultades metódicas’ no Parlamento.

    Tamén o é que, despois de usar millóns de euros das institucións para promover medios en castelán en Galicia, o día das letras galegas aparezan unhas cantas novas en galego neses mesmos xornais, sempre en minoría, a modo de agasallo condescendente.

    Non deixa de ser natural, no sentido do peixe que se morde a cola, que alguén me diga que por que non escribo en castelán (xeralmente, ‘español’) porque chegaría a máis xente, ó mesmo tempo que pensa que o galego non sirve para nada porque non te uso.

    Non é raro que os egresados das escolas usen de xeito maioritario o castelán cando dende as primeiras etapas educativas hai un tope normativo para os contidos en galego, pero non para os contidos en castelán. Tampouco o é que se unha materia se ten que dar nunha lingua nun nivel, e noutra noutro, saia prexudicado o alumnado, pero beneficiada a lingua hexemónica.

    A quen lle parece raro que mesmo nos centros educativos galegos se use máis a Wikipedia en castelán que a Galipedia, mesmo en temáticas nas que a versión galega da Wikipedia ten máis e mellor contido que a versión castelá e a pesar do esforzo da pequena comunidade galipedista?

    Non é insólito que unha nova lei do audiovisual titorada permita que unha porcentaxe de emisións -pequena- que debe facerse en linguas cooficiais se faga na lingua cooficial que quera a compañía que comercializa a producción, producíndose así un trato de favor relativo á segunda lingua máis falada e e desfavor para o resto.

    E, se xuntamos os feitos anteriores, mais outras como a prohibición durante tempo de falar galego en instancias oficiais ou privadas (coido que destas, aínda hoxe en algures) non debemos estrañarnos de que circule pola rede iso de ‘Se queren que fale galego, que non mo impoñan’ (en realidade, ‘Si quieren que hable gallego, que no me lo impongan’). Tampouco de que o galego esté en desuso crecente… Está claro que a culpa teríaa a imposicón.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *