ESTRAMBOTE
Pancho Campos Dorado
Lemos en La Comarca del Eo (18/06/2022) “O PP astur descarta que el uso del doble topónimo de la ría amenace la identidad gallega”. Este titular pode poñerse máis en negriña pero non máis cínico. Agora sae á palestra un novo deputado do PP asturiano, don Álvaro Queipo, polo que parece, secretario do PP no parlamento astur e debe relevar na polémica da Ría de Ribadeo a dona Nieves Mallada.
A dobre denominación do topónimo da Ría de Ribadeo “non parece afectar a súa identidade galega”. Por suposto, MENTIRA.
Máis adiante dinos este parlamentario astur moi “paternalmente”: “se equivocan los sectores gallegos que ven en este proceso una guerra que amenaza su identidad”. Cara non lle falta ó individuo. Nós non creo que esteamos en guerra, ou polo menos de momento non a declaramos. O señor Queipo continúa coa súa disertación patriarcal: “nunca se defiende mejor lo propio despreciando lo ajeno”. Por suposto, o propio non fai falta defendelo, a lei dunha sociedade democrática, como pensamos que é a nosa, crémola suficientemente capaz de defender os bens institucionais e neste caso constitucionais, pois segundo a Constitución Española de 1978, art.46: “os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do PATRIMONIO HISTÓRICO, CULTURAL E ARTÍSTICO DOS POBOS DE ESPAÑA e dos bens que o integran calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio”. Señor Queipo, nós somos parte do pobo galego e defendemos a Nosa Terra e tamén a súa toponimia, parécelle mal?
Di vostede que non queda ameazada a identidade galega da ría? Por suposto que sí. A falcatruada do cambio toponímico do nome da ría, conleva a apropiación indebida do patrimonio arqueolóxico cultural que se atopa no fondo da Ría de Ribadeo, esa é a cuestión que levamos anos denunciando. Xa nunha primeira ollada submarina levou ós arqueólogos a atopar unha ánfora do século VI a.C. o que deu pé para saber que o comercio marítimo na ría de Ribadeo é tan antigo que non hai ningún vestixio anterior en toda a Cornixa Cantábrica. Chamados son os xacementos submarinos da Ría de Ribadeo polos arqueólogos a “Atapuerca do Cantábrico”.
Como se van a reseñar e recordar estas pezas arqueolóxicas nos libros de texto especializados, atopadas na ría de Ribadeo? Igual que fixeron vostedes, os “arqueólogos” asturianos coa falcatruada da Diadema de Ribadeo? Ou mellor pensamos qué foi da denominación do “Carneiro Alado de Ribadeo? A que están xogando? Queren seguir terxiversando a cuestión, como levan facendo desde fai séculos co territorio do Reino de Galicia, e agora incluso insinúan que a culpa é dos galegos e en particular dos galeguistas. Máis morro, si, aínda hai quen ten máis morro.
A burocracia española, esperpéntica, monstruosa na súa complexidade de xestión con incontables trámites, inzada de leis e decretos lei, contra decretos, regulamentos, normativas, pautas, resolucións de procedementos inacabables, xurisprudencia inxente cuxa transcrición escrita enche decenas de volumes para decorar os despachos de avogados onde se crea esa atmosfera dos mil artificios en contra, a favor, parciais, emendados de aquí, emendados de aló, sen emendar, todo o cal forma ese insufrible noelo de artimañas intricadas e indescifrables para calquera mortal, que só serven para facer de tapadeira a unha lexislación vixente na que se rexouba unha clase social da alta e baixa xudicatura que inquieta a calquera mortal que se atope baixo o seu dominio inmediato, pola súa falta de eficacia e que nos ten acostumados a tolear coa súa parsimonia inoperante. Un litixio que na burocracia inglesa leva dúas liñas nun folio, aquí transfórmase en unha acción da “xustiza garantista” que non é capaz de acabar nin resumir en tres mil folios.
Xa vimos a resolución sesgada e parcial que o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana decretou no seu informe. Por un lado, danos a razón de que só debe chamarse Ría de Ribadeo e por outro di que só queda anulada a sentenza do IGN porque hai un “defecto de forma”. Pero que tipo de resolución é esta? Cando se vai poñer fin a toda esta fantochada burocrática?
O Procedemento Común das Administracións Públicas, utiliza os fundamentos de dereito nesta resolución segundo a lei 39/2015 de 1 de Outubro, e aplica os artigos 24.3 / 26 / 34 / 48.1 / 48.2 / 57 / 79 / 82 / 112 / 121. Tamén entra a trámite o apartado 24.3a do Real Decreto 1545/2007 do 23 de Novembro. Despois de endilgarnos todo este galimatías xurídico dinos que queda “agotada a vía administrativa e cabe recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid no prazo de dous meses”. Manda truco a canta xente mantemos!!
Por outro lado, a resolución do antedito Ministerio, só nomea o informe emitido pola Deputación de Lugo, e ningunea os informes do goberno da Xunta de Galiza, da Alcaldía de Ribadeo e nin sequera ten en conta o extensísimo e documentadísimo informe da Plataforma en Defensa da Ría de Ribadeo, nin do informe da Plataforma de Mariños de Ribadeo. Así mesmo di literalmente “la CENG es una Comisión de carácter técnico compuesta por representantes de autoridades en nombres geográficos de la Administración del Estado y de Comunidades Autónomas, así como de universidades, academias de las lenguas y otras instituciones relacionadas con la toponimia, de ahí la importancia de su informe que podríamos calificar como técnico, y aunque no vinculante, sí es necesario para que el órgano decisorio resuelva”. Ou sexa que pode facerse un recurso con todo tipo de informes técnicos, ou pode dicirse misa cantada con órgano e Agrupación Polifónica, que todo canto se predique “Non será vinculante”. Manda carallo! Así funciona a burocracia deste pais chamado España.
A toponimia é unha rama esencial da Historia en calquera territorio, e a Historia de Galiza non pode ser retocada constantemente por mans lexislativas partidistas que raian a prevaricación. Galiza ten que ser respectada. As institucións que nos falten o RESPETO, non as respectamos para nada e nunca aceptaremos as súas resolucións contra a Nosa Terra. As tarascadas fanse no Entroido. Como é posible que un Decreto Lei do 2007 ou do ano 2015 poida poñer en solfa un topónimo marítimo secular e querer equiparalo a un costumismo vulgar?
O Reino de Galiza leva séculos soportando unha historiografía castelanista que nos rouba descaradamente e nos é totalmente hostil, tanto é así que a Real Academia da Historia créase en 1783 e esquílmase a documentación dos mosteiros, igrexas e catedrais da Galiza para manter un discurso histórico de tradición e exaltación dinástica de avoengo que nunca tivo nos seus primeiros mil anos, nada menos. A enumeración dos reis casteláns que fai Afonso X o Sabio, insire os reis da Galiza e León para darse avoengo, pois el considérase Afonso X (o décimo) cando realmente é Afonso II de Castela. Sabio sería cando fixo as Sete Partidas, pero sumamente cruel cando tivo a coraxe de mandar fritir en aceite fervendo o seu irmán Fadrique, cousa que non conta a historia falsaria de España nos libros de texto. Así que de un tipo así, podía esperarse calquera cousa, incluso que fora “sabio”.
E así todo. Parece que nada importa “o dobre topónimo non ameaza a identidade galega” e logo vemos que as Terras de Ribadeo do Eo o Navia, agora nin sabe como se chaman, ou as Terra de Miranda bañadas polo Eo, agora sabediós… etc. etc.
Facendo un inciso, gustaríanos saber que esta facendo o PP de Ribadeo actual en esta cuestión, pois co ribadense Valín ó mando, sí o sabíamos.