A xestión do litoral
Cinco legislaturas no Parlamento Vasco. Tres nas Xuntas Xerais de Álava -Parlamento Foral- Deixando ao carón o macabro espazo da violencia por motivos políticos, teño que recoñecer a cantidade de veces que sentín envexa Galaica por como funcionaba a ordenación do territorio en Euskadi e como a Administración Pública Vasca -Común e Foral- modernizaba un país con apenas dous millóns de habitantes e tres pequenas provincias que declararon “Territorios Históricos” e así foron tratados de usía pola Constitución de 1978, dándolles un Estatuto de Autonomía pleno de competencias, xenerosas achegas económicas ao discutir de igual a igual co Estado os recursos económicos que se xeran pola súa riqueza industrial e autoxestión tributaria. Sen dúbida e por moito que se queixasen ao servizo da Construción Nacional modelo PNV, a Comunidade Autónoma Vasca era e é un fragmento de Estado con incomparables privilexios, polo menos vistos desde Fisterra.
E Galicia, ademais de sinalarse como nacionalidade e Territorio con Dereitos Históricos, que sacou en limpo en todos estes anos con vixencia do Estado das Autonomías? Vén a conto pola reivindicación lexítima, social e política, para intervir na ordenación dun litoral con máis de 1600 quilómetros de costa. Que pronto saíron os “cónsules” de Madrid advertindo que tal pretensión non se axusta a Dereito Constitucional e que deberiamos emprender a complicada e lenta modificación do Estatuto de Autonomía. A de veces que vin como a Cataluña, sen modificar o seu Estatuto, dábanlle desde o poder central a capacidade para interpretar que formando parte dun Estado Plurinacional podía xestionar ao seu antollo toda sorte de espazos socio económicos.
A costa galega forma parte do Patrimonio da Humanidade dende o momento que o é da Historia e o Territorio da nosa Galicia. Hai que ordenar tal espazo. Hai que consolidalo como substrato fundamental para a economía Galaica. Hai que dotalo de equipamientos e servizos, pero especialmente coas mesmas infraestructuras que as vascas -portos pesqueiros, comerciais e deportivos-. Hai que defender integralmente tal riqueza natural fronte aos vertidos. Hai que prepararse para as vicisitudes do cambio climático na súa pugna terra-mar.
Ninguén mellor que os galegos residentes na nai Galicia dos Mares para saber como evitar certas colonizacións ao servizo dun turismo inculto e egoísta que noutras Comunidades desencadeou o fenómeno subcultural da turismofobia.
Houbo unha vez alguén que sabiamente comprometeuse a iniciar a xestión para fusionar Concellos por motivos de eficiencia económica. Onde quedou tal pensamento? Non é momento oportuno e necesario para minorar as cargas de tanto aparello administrativo funcionarial e ser moi prudentes cos investimentos a inventario electoral clientelar?.
En tal debate non podo nin quero deixar pasar como mera anécdota a petición dun ferrocarril moderno a modo de tranvía e primeira alternativa para o transporte polo Cantábrico en dirección a Francia. Xa está ben de lembrarnos con “agarimo” do romántico FEVE-TRASCANTÁBRICO en pleno Xacobeo, para logo deixalo morrer, a diferenza deses ferrocarrís da Generalitat ou Eusko Trenbideak que permiten vertebrar os territorios da costa Cantábrica e Mediterránea en Cataluña e Euskadi.